A botadura ao mar dunha buceta e un espectáculo poético son as actividades previstas para hoxe

La Voz

CARNOTA

04 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No programa de actos previstos para hoxe, dentro do noveno Encontro de Embarcacións Tradicionais destaca o espectáculo poético musical De catro a catro , que terá lugar no porto carnotán de Portocubelo, xa que na organización e outorgamento da sede deste acontecemento participan as vilas de Muros e de Lira, a través das asociacións Muros Mira ao Mar e Canle, respectivamente. As actividades previstas para hoxe no porto de Carnota principiarán ás doce do medio día.

Tamén para hoxe está programada a festa da botadura, na localidade muradán de Abelleira. Neste caso, a asociación de veciños A Ostreira encargou a construción dunha buceta para participar no encontro de barcos tradicionais, e hoxe farase a botadura da mesma ao mar, no medio dun amplo programa de actos festivos.

Así, comezará a xornada co traslado do bote dende o taller onde se construíu, en Bornalle, ata o peirao de Sorribos. Máis tarde inauguraranse varias exposicións da asociación veciñal, na sede social da parroquia, para proseguir con un xantar popular, e ao remate do mesmo farase a botadura.

Tamén a partires de hoxe se espera a chegada a Muros das preto de 150 embarcacións que teñen confirmada a súa participación no encontro. A chegada dos barcos será escalonada, algúns accederán á vila muradán por mar e outros farano por estrada en plataformas adaptadas, coa pretensión de que todas elas estean acoradas ao peirao o día 9, xornada na que dará comezo do encontro.