O centro acollerá en breve unha exposición sobre os primeiros poboadores de Galicia, que será permanente
Aínda esta en fase de conseguir a cualificación de museo, pero a colección que en breve pasará a formar parte dos fondos do Centro Arqueolóxico do Barbanza é da envergadura que se merece unha pinacoteca en toda regra. Trátase dunha exposición que se presentará baixo o título Os primeiros poboadores de Galicia e que incluirá maquetas, réplicas de cranios e unha parte interactiva.
Está previsto que esta mostra empece a colocarse nas instalacións de Neixón a vindeira semana, pero é máis que probable que a súa inauguración non teña lugar ata o mes de abril. O retraso débese, por unha banda, a que se trata dunha exposición de complicado montaxe e, por outra, a que se pretende conseguir a presenza do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, co que o Concello de Boiro ven de asinar un convenio marco para abrir unha liña de colaboración en diversos frontes.
A parte máis importante da mostra é a que integran as réplicas de tres cranios, localizados nas escavacións que se fixeron en Atapuerca, que se corresponden ao homo sapiens, ao neandertal e ao homo erectus. Tamén destacan as maquetas que pretenden recrear espazos das vivendas da época paleolítica.
Completarán a exposición unha proxección audiovisual, que facilitará as visitas libres, e unha zona interactiva, onde será posible traballar cunha serie de materiais como o coiro para facer diferentes montaxes. En principio está previsto que a colección poda verse en Neixón ao longo de todo o ano. Logo decidirase o seu futuro, xa que quedará como propiedade do centro.
Obradoiros
A maiores, o persoal da sala de Neixón está a preparar os obradoiros de metalurxia que se impartirán en abril e que están destinados a escolares. Os rapaces terán a posibilidade de, mediante moldes, facer réplicas de ferramentas históricas empregando chumbo e estaño.
No programa de actividades deseñado polo Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza para este ano tamén se inclúe unha nova edición dos campos de traballo, que arrancará en xullo. Os participantes farán escavacións no Castro Grande.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios