Loita contra a polución

BARBANZA

Unha exposición sobre o cambio climático que percorreu Galicia recalou no instituto Número Un

06 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Concienciar ás novas xeracións da necesidade de loitar contra a contaminación para tratar así de porlle freo ao cambio climático é o obxectivo que persegue a exposición coa que dende hai un par de semanas se atopan os estudantes do instituto Número Un de Ribeira cando van ás clases. En breve, esta mostra composta por catorce paneis que ao longo do verán percorreu un bo número de localidades de Galicia, recalará no Leliadoura.

Foi a asociación de pais de alumnos do Número Un, en colaboración co departamento de Ciencias do instituto, a que fixo posible que os estudantes coñeceran de preto as consecuencias que o cambio climático está a ter a nivel mundial e, de xeito específico, en España; as súas causas e as posibles solucións para tratar de poñerlle freo dunha vez por todas.

O vicepresidente da Anpa, Nacho Jorganes, explicou que trátase dunha adaptación para Galicia da exposición concibida a nivel estatal por Ecologistas en Acción, coa que se pretende «concienciar ao alumnado sobre a magnitude e a urxencia do problema da contaminación e estimular a súa participación na loita contra o maior problema ambiental global».

Aforro necesario

A través dos paneis, os estudantes de Ribeira ven como a realización de actividades cotiás, como o prendido das luces ou o uso dos coches, contribúe ás emisións de CO2, o principal gas de efecto invernadoiro. A mostra pretende animar aos rapaces a facer unha utilización racional da enerxía, elixindo tecnoloxías que aforren e prescindindo dos excesos.

Ao longo dos últimos días, a exposición foi analizada de forma pormenorizada polos alumnos do centro, que a visitaron distribuídos en grupos. O martes foi complementada cunha charla a cargo de Miguel Pardellas, membro da Sociedade Galega de Educación Ambiental.

A Anpa do instituto Número Un xa está a traballar no desenvolvemento de novas iniciativas, entre as que se atopan unhas xornadas de educación vial dirixidas aos estudantes. A maiores, a entidade pretende poñer en marcha un club de lectura para os pais. A idea é inaugurar esta actividades cun libro de Sechu Sende, Made in Galicia , dando ao redor dun mes de prazo para completar a lectura. Logo analizarase o contido do volume cun debate ao que está prevista a asistencia do autor.