«O que denota o goberno do PP é que ten un proxecto esgotado»

BARBANZA

Cunha ampla traxectoria municipal, a nacionalista di que se están a perder axudas doutras Administracións

23 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Iniciou o mandato como voceira do partido máis importante da oposición, seis concelleiros. Ese elevado nivel de representación é o que leva á voceira do BNG, Dominga Brión Sanmiguel, que o seu partido «traballará para que a cidadanía conte cos servizos que merece e necesita».

-¿Que balance fai deste primeiro ano?

-O que denota o goberno do PP é que ten un proxecto esgotado, cun equipo mediocre, incapaz de abordar as importantes obras de infraestrutura e a dotación de servizos que Ribeira necesita. Isto está hipotecando o presente e o futuro de Ribeira, pese ao custo económico para a cidadanía que supón contar con dúas dedicacións exclusivas a maiores das que tiñan no anterior mandato. A falta de xestión diante doutras Administracións, cando non a confrontación directa, supón a perda de investimentos e de dotación de servizos á cidadanía. A situación do porto e da lonxa é unha boa proba. Tamén o é a carencia de servizos, como a circunvalación, o matadoiro e a estación de autobuses, ou a precariedade de outros, como é o caso do mercado municipal.

-Vexo que detecta moitas carencias nos servizos...

-No só iso, incluso o goberno non dubida en rexeitar a dotación de servizos xestionados por nós. Este foi o caso da Galescola, solicitada por asociacións como a de Amas de Casa; ou o local de ensaio, que opta por facelo con diñeiro municipal renunciando a unha partida de máis de 120.000 de Vicepresidencia. Algo parecido intentaron co macropolígono industrial. Durante máis de vinte anos de goberno popular non conseguiron nin un só metro de chan industrial, algo que foi capaz de xestionar o BNG dende a oposición, nese compromiso de creación de emprego e riqueza que ten o Bloque e que puxemos en práctica dende o Goberno galego.

-¿Das súas verbas cabe deducir que observa certo inmobilismo no goberno?

-Temos un goberno sen capacidade de xestión, nin dentro nin fóra.

-¿A que se refire?

-A nivel interno, por exemplo, podemos falar do urbanismo e do saneamento, que son de competencia municipal. A estas alturas seguimos cun plan xeral sen adaptar á Lei do Solo. O departamento de urbanismo precisa mellorar moito para controlar que as obras se axustan ás licenzas. A política que se leva a cabo ocasiona aberracións urbanísticas. Ademais, existe unha falla de transparencia por parte do PP dende principios de ano porque impide o acceso aos expedientes de obra. No que respecta ao saneamento, Ribeira ten unha rede deficiente. Continuamente hai cheiros e desbordamentos de augas fecais polas rúas. O máis recente aconteceu hai uns días no casco urbano de Ribeira, pero isto mesmo sucede na rúa Francisco Lorenzo de Aguiño cando chove un pouco. Non existe unha depuradora e agardamos que isto cambie grazas ao Goberno da Xunta.

-¿E os orzamentos?

-Cos que se presentaron é difícil que se poidan resolver os problemas. Non hai control do gasto público. Eu creo que o orzamento é peor que en anos anteriores. Figuran as mesmas obras que non foron capaces de facer antes, como o matadoiro e a casa da mocidade. No caso desta última co risco real de perder a subvención. En Servizos sociais lévanse perdidos máis de 85.000 euros do programa para subvencionar o transporte adaptado. A falta de compromiso político tamén se visualiza nos preto de 50.000 euros da axuda no fogar que tiveron que devolver por falta de xustificación, ou na carencia de prestacións novedosas para as persoas maiores que existen noutros concellos.

-¿Cree que faltan apostas concretas?

-Hai unha falla de compromiso coa cultura. Tampouco se visualizan melloras para as escolas, a situación dos parques infantís é deficiente e non hai actividades de ocio e lecer para os mozos. A xente quéixase de que non ten onde mandar aos rapaces para que poidan gozar do seu tempo libre.