Barbantia e o Virxe do Mar unen os seus esforzos para espallar a historia da ría de Muros e Noia
VIGO CIUDAD
O Instituto Virxe do Mar deu cabida o venres a un acto no que o colectivo cultural Barbantia e os impulsores da revista Casa da Gramática deron a coñecer o exemplar número 30 desta publicación, que cumpre unha década de vida, e un libro que leva por título Voces na historia e que reúne as actas da quinta Semana da Historia de Noia, celebrada no 2007 e na que as charlas xiraron arredor de temas vinculados coa cultura e a arte dos concellos da ría de Muros.
Na cerimonia participaron os profesores Fernando Vigo e Xavier Castro, o escritor Xerardo Agrafoxo, a concelleira de Cultura, Loli Caramés; e o alcalde, Rafael García Guerrero. Este último anunciou que nas próximas semanas o Concello noiés dará a coñecer accións que se levarán a cabo este ano para poñer en valor o traballo dos investigadores. Pola súa banda, Agrafoxo avanzou que a próxima Semana da Historia será no 2011, e Castro apelou á necesidade de recuperar a memoria.