«Escollín Trevonzos/ para ollar Rianxo»

Isabel Santos

BARBANZA

14 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Fronte a Rianxo, nunha paisaxe tan fermosa que foi amada á primeira ollada por Borobó, está Trevonzos, aldea de Cespón, no concello de Boiro. Din que na visita a Rianxo para o funeral de Castelao, don Raimundo asómase a un balcón e pregunta que aldea é aquela; e foi Otero Pedrayo quen lle pronunciou o topónimo máxico: Trevonzos. O seu nome callou tanto como a súa beleza, e por iso chegou a ser a Ítaca dun ser excepcional. En canto ao significado etimolóxico, o posible Trebontius tería un compoñente referido ao número tres, que aparece en Treviño, sita en Vimianzo, que significa «límite de tres comarcas», e en O Trevoedo ourensán: «Lugar onde abonda o trevo», que vén do latín trifolium, de significado «tres follas». Pero seguramente o nome alude ás constantes treboadas, orixinadas pola súa condición de atalaia: o mirador que don Raimundo escolleu para ollar Rianxo.