Riveiro Coello deixa entrar ao lector no seu «mundo autista»

Sara Ares

NOIA

25 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Galaxia, o colectivo cultural Barbantia e o Concello de Noia formaron un triángulo perfecto o venres pola noite para dar a coñecer a última publicación de Antón Riveiro Coello, Os ollos de K . Co salón de plenos cheo de xente como fondo do cadro, o autor invitou aos lectores a facer unha interesante viaxe: «Doulles a posibilidade de entrar no mundo autista do escritor porque cando escribimos nos illamos do mundo; ofrézolles a illa de Suso Paradela, un personaxe recorrente na miña obra, para que habiten nela e sexan partícipes do proceso de construción da novela».

Non en van, se algo subliñaron por enriba de todo os que falaron da novela foi que se inscribe na denominada metaliteratura. «É un libro que está escrito desde dentro da literatura e faime lembrar a Pirandello, Unamuno, Paul Auster ou Italo Calvino», sostivo o director de Galaxia, Víctor Freixanes.

Iso si, Riveiro Coello quixo desmontar as conxecturas autobiográficas que o vinculan co personaxe principal do seu libro: «Suso Paradela non é un alter ego meu, eu non son coma el, que é un tipo raro, egoísta, solitario e que só pensa no éxito literario». O creador de Os ollos de K pediulle prestado un recurso ao mundo da publicidade ao afirmar que mercar a súa obra supón «levar tres polo prezo dunha», xa que asegurou que no seu interior conflúen varias novelas e relatos curtos.

Víctor Freixanes enxalzou a capacidade de Riveiro Coello para atrapar ao lector nas redes da súa historia e levalo da man ata a última páxina.

Tamén Xesús Laíño afondou nas virtudes do escritor. «Antón non defrauda nunca, é un fabulador nato, cun dominio case perfecto dos mecanismos literarios e da ficción; un ladrón de historias que reparte o tesouro connosco sen enganarnos».

A maiores, o profesor pobrense mostrouse convencido de que Os ollos de K pasa por ser unha das novelas máis áxiles do autor e dou por feito que «creará lectores porque os vai enganchar facilmente». «Todo o que nos acontece día a día se pode converter nun relato literario», defendeu Riveiro Coello.