Doses de historia en Ribeira

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

A colección «Nazón de Breogán» poderá ser visitada ata finais de mes no auditorio municipal da cidade

18 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O auditorio de Santa Uxía acolle dende o martes a exposición Nazón de Breogán, un xeito de soñar Galicia. Esta colección de paneis gráficos e explicativos, promovida por Vicepresidencia, ten como obxectivo achegar ao espectador á identidade de Galicia a través dun percorrido pola súa historia dende as orixes ata o ano 1936. Este conxunto artístico poderá visitarse na instalación municipal ata finais de mes.

Ao acto de inauguración acudiron o edil de Cultura ribeirense, Luciano Fernández; a delegada provincial de Vicepresidencia, Tareixa Novo; a deputada provincial do BNG Rosana Pérez; e Miguel Anxo Seixas Seoane, documentalista desta exposición itinerante. Tamén estiveron presentes na cerimonia diversos representantes das distintas asociacións culturais da localidade.

Éxito

Durante o acto de presentación desta colección, que xa percorreu numerosos municipios da xeografía galega, os asistentes destacaron o grande éxito que ata o momento cultivou a exposición. «Nazón de Breogán fai unha reflexión do sentir dos galegos ao longo da nosa historia por iso é importante que todos os veciños visiten esta proposta interesante», afirmou o concelleiro ribeirense. E engadiu: «Espero que isto sirva para que a xente da vila se achegue á realidade galega e coñeza os feitos históricos que distintos personaxes ilustres foron labrando ao longo do tempo».

Luciano Fernández encomiou a iniciativa posta en marcha por Vicepresidencia con estas palabras: «Ninguén debe perder a oportunidade de visitar esta exposición que recolle, de maneira ilustrada e atractiva, a realidade social e política da nosa terra».

Ao acto tamén acudiu como convidada a deputada provincial de Turismo, Rosana Pérez, que destacou «a importancia desta proposta para todos os galegos. Pareceume unha exposición moi interesante e didáctica, ademais é unha maneira de poñer de manifesto a autoestima dos veciños como galegos», apuntou Pérez. E ademais dixo: «Isto demostra que nós non eramos un pobo calquera senón un grupo cunha identidade moi definida».

Visitas de escolares

A frentista explicou: «Podería ser moi interesante que os escolares da zona visitaran o conxunto de paneis no auditorio municipal. De momento diso non se falou pero penso que podería ser moi positivo que dende os colexios se fixeran visitas guiadas para que os nenos coñeceran de maneira activa a historia dos galegos». A nacionalista contou que entre o público estivo algún docente ribeirense que mencionou esta idea.

Os veciños teñen todo o mes de outubro para visitar unha colección que xa pasou polas principais cidades galegas e na que os asistentes poderán coñecer tamén diversos aspectos da arte, a cultura, a historia e a sociedade galega.

Metas

Son moitas e moi numerosas as metas que aborda a exposición. Unhas das máis destacadas polo departamento, que dirixe o nacionalista Anxo Quintana é a de homenaxear aos galeguistas que procuraron a consecución do estatuto que deron forma idea do autogoberno.

Esta exposición foi reclamada dende a súa inauguración, en xuño do 2006, por máis de cen municipios galegos e agora é o auditorio de Ribeira o que a acolle. Os veciños poderán visitala de 10.00 a 14.00 horas, de luns a venres.