Homenaxe ao señor de Trevonzos

| ELIXIO VILLAVERDE GARCÍA |

BARBANZA

PUNTO DE VISTA

03 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CAMPABA RAIMUNDO García Domínguez nunha taberna do Franco, con foto de Líster, en animada tertulia, o día que o coñecín, no post franquismo. Rematara Filosofía e Letras en 1936 e asistía á Universidade Internacional de Verán, en Santander, cando o sorprendeu a sublevación. Acompañábao o sonense Xosé María Lema Pintos, que me contou a historia daquel 18 de xullo, no D.F., en 1991. Afíliase á UGT e con 20 anos participa na defensa de Madrid cun batallón da Federación de Trabajadores de la Enseñanza. Empeza a publicar na revista Estímulo , da Arma de Artillería, asinando como Sarxento Leví e por primeira vez como Borobó. Ingresa no PSOE a finais da contenda, cae preso en abril de 1939 e pasa por campos de concentración e polo cárcere. Xa en liberdade, o futuro fillo adoptivo de Boiro actúa como enlace na clandestinidade entre grupos galegos que traballaban forzados nas minas de wolfram de Silleda e a dirección socialista de Madrid: eran os anos da Segunda Guerra Mundial, segundo me ten contado en Trevonzos, unha tarde dos noventa, na que lembramos tamén a varios paseados e a unha ducia de exiliados en México, entre eles a López Durá, do Consello de Galiza, ao alcalde socialista da Pobra, ao pediatra Lema, ao rianxeiro Xermán Rañó ou ao entrañable ribeirense Antonio Paz Sieira, casado cunha irmá da grande diva María Félix, ao que entrevistei a principios dos noventa. Enlaces e guerrilleiros agardaban o apoio dos vencedores na contenda europea; o de EE.?UU. e Inglaterra, que seguen nas mesmas ante a matanza de nenos nun Líbano herdeiro daquela Fenicia dos barcos de cedro, o abecedario e as palabras que tanto lle gustaban a Borobó. Autor de traballos históricos, teatro, narrativa, poesía, de doce libros e milleiros de artigos, o Premio Trasalva e Medalla Castelao publicou en moitos medios e, despois do seu relevo como director do vangardista e valente diario La Noche , retornou a Madrid onde fundou a revista Chan, gabada por Otero Pedrayo, precursora e referente da tamén prestixiosa revista Teima . Na primavera de 1988, cando eu era profesor no Instituto da Pobra do Caramiñal, empecei a tratar máis a Borobó, ao que presentei como conferenciante en xullo daquel mesmo ano, nos actos de inauguración da casa da cultura de Boiro, dedicada a Ramón Martínez López. Honrou ao militante galeguista e falou tamén de García Martí, da Torre Bermúdez, hoxe Museo Valle-Inclán e dunha Viana del Prior intuída desde a atalaia de Trevonzos, por enriba de Abanqueiro e do Chazo. Tamén do Cambados de Cabanillas e sobre todo, de como descubrira aquela aldea na que viviría moitos anos prolíficos e ledos. Lembrounos que fóra o día que asistira con Carlos Maside, Sabell e outros composteláns ao funeral que se celebraba en Rianxo pola alma de Castelao, morto en Bos Aires. Na compaña de Otero Pedrayo, foron saudar a Tareixa e a Xosefina, irmáns do finado. Asomáronse con elas a un balcón que da á baía e Borobó albiscou da outra banda da rada rianxeira, un lugar que o engaiolou polo seu solloso emprazamento. «¿Que aldea será esa?», preguntou. «Trevonzos, da parroquia de Cespón», respostoulle Otero, que coñecía Galiza enteira e sabía de memoria o mapa de Fontán. «Trevonzos -remachou Otero Pedrayo- pertencente ao Concello de Boiro, onde naceu o noso tocaio e irmán Ramón Martínez López...¡Canto sentirá a morte do noso Daniel, pois eran moi grandes amigos!...» «Nesa aldea, a primeira coa que tropezaban os ollos de Castelao ao alborexar, aí, en Trevonzos, transcorrerá a vellez de Borobó», dixo o noso homenaxeado, e todos eloxiaron o bo gusto do futuro decano da prensa galega. Carlos Maside, o excelso artista cesureño, sinalando que «poucas paisaxes como aquela serían tan gratas para pintar e describir». Noraboa á asociación cultural Barbantia, a todo o equipo de goberno, ao alcalde Xosé Deira Triñanes e á corporación de Boiro por dedicarlle esta rúa na beiramar do seu querido Tirreno galego a este grande señor da República das Letras e inesquecible amigo, o trevonzián Raimundo García Domínguez, Borobó.