O plan xeral da Pobra

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

07 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI PROXECTOS políticos que supoñen moito máis que unha aventura na súa elaboración e na súa posible aprobación definitiva. Non é de estrañar. É difícil entenderse cando varios falan distintas linguas, e por enriba, se teñen o mesmo proxecto. A decisión da Consellería de Política Territorial de restrinxir determinadas zonas de edificabilidade que figuraban no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), inicialmente aprobado polo Concello da Pobra, supoñen un revés ás pretensións do goberno local. Desde o ano 91, este sería o terceiro plan en vías de fracaso para os gobernos de Ramón Rego e Isaac Maceiras. Responsables, os políticos de antes e os de agora. Culpables, os que gobernan, os de antes e os de agora. Deste plan falaba eu hai algún tempo, e vaticinaba o seu posible desastre. Un plan urbanístico debe ser algo crible, algo serio. Aínda que, ben mirado, isto último sería como pedirlle peras ao olmo. Este PXOM da Pobra do Caramiñal non obedece a criterios de igualdade social, nin amosa respecto polo medio ambiente, nin ten criterios de edificabilidade sostida. Este plan tan só se sostén sobre unha expectativa electoralista que non satisfai nin a tirios, nin a troianos. Nefasto. Os políticos queren suplir aos técnicos, saltándose a normativa vixente, e sempre queren contentar a estes a aos outros. Elaborar de costas á sociedade, sen educala, facéndolle ver aos veciños que a súa palabra é a palabra de Deus, non contando a verdade sobre a lei do chan e facendo de nós uns meros monicreques. A estas alturas, e sen esquecer as responsabilidades da Consellería de Política Territorial, que as ten, tiveron vostedes tempo dabondo para aprobar este plan antes de que se producira o cambio de goberno na Xunta de Galicia (o goberno amigo). Aínda así, tampouco pasarían o trámite. Polo tanto, señor alcalde, os culpables neste caso sobran. Asuman os seus erros. Boten o Plan Xeral de Ordenación Municipal abaixo, e comecen de novo. É o máis sensato neste asunto.