Modernidade

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

10 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

AQUÍ NUNCA pasa nada. Isto mesmo, así, ben podería definir a este territorio do Barbanza. A existencia cotiá, a monotonía, esa quietude que nos abraza, o sobrevivir na nostalxia coma si un muro detivera eternamente a nosa mirada. Mirar e non ver. Estes días inaugurouse na Pobra do Caramiñal unha exposición do escultor minimalista Francés. Unha boa proposta. A arte é, e debe de ser, un exercicio creativo interdisciplinar, que ofreza a posibilidade de afondar en novas miradas e novos horizontes. No minimalismo, o movemento que xurdiu nos anos sesenta en Estados Unidos coma reacción ao expresionismo abstracto, predominan as formas xeométricas elementais, mais o concepto do infinito. Nas súas estructuras ou sistemas, os materiais son rudimentarios e absolutos. Coido que a obra de Francés é unha porta aberta, sobria, depurada, diría elemental na súa concepción, elaborada sobre uns rexistros de racionalidade extrema (canto sobra nestas obras). O visitador, ou o paseante, ou o despistado, sorprenderase con estas esculturas, diante terá a incógnita do arte, e entón terá que comprender. Esta mostra entusiasmoume. Penso, xa, son incrédulo. ¿Mudarán os nosos políticos e pensarán en novas perspectivas e novas oportunidades para a mirada? Gardas da arte, censores temerarios. Quede esta exposición de exemplo. Francés irase. A modernidade tamén.