Navegante tenaz da cultura

Gustavo Pernas

AROUSA

Morre o dramaturgo e director teatral (Vigo, 1959-Culleredo, 2016)

02 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pintaba rostros perplexos, mirándonos desde o outro lado do espello, cun interrogante na mirada, sumidos no mesmo desconcerto co que os seus familiares e amigos nos vemos hoxe na obriga de despedilo nesta viaxe prematura, tal vez cara eses mundos que reflectía na outra temática principal da súa obra, onde se albiscan siluetas de cidades invisibles.

Amigo dos amigos, xeneroso, traballador incansable desde a concellería de Cultura ou desde a Deputación da Coruña, militaba no PSOE desde moi novo. Tino era un home grande, como un personaxe ciclópeo saído da Odisea, de principios sólidos, de vontade férrea e de ánimo doce. O seu compromiso xa lle viña de raíz, dunha familia republicana de Pontevedra significada na loita contra o fascismo. Dinamizador creativo e impulsor de múltiples iniciativas, situou a Culleredo nun lugar principal, onde se dan cita os festivais de jazz ou as primeiras edicións do Foundation Reggae, os ciclos de teatro, ou os encontros cos artistas plásticos e os poetas. A Biblioteca Uxío Novo Neyra, o Xardín Botánico, o museo etnográfico Torres de Cela ou a sala de exposicións Xosé Rey Lago. Tamén é preciso salientar a súa dimensión como promotor e artista desde a Asociación de Artistas Plásticos.

Celestino Poza pertence a unha xeración nacida baixo o signo da revolución cubana, criada na esperanza do home novo e a miúdo desencantada coa realidade e a deriva dos tempos. Pero Tino era un home vital, navegante tenaz da Cultura. Hoxe as redes sociais son un inmenso libro de condolencias e todas as palabras converxen nunha aperta moi fonda para a súa familia, en especial para Bea e para os seus fillos Catarina, Roi e Luis. «A pintura é un espello que alimenta o futuro» di o poeta Miguel Anxo Fernán Vello. A nós, os teus amigos, Tino, quédanos o consolo da amizade para transitar no medio deste territorio estremecido.