O BNG fai un chamamento masivo para a manifestación en Compostela o Día da Patria

vilagarcía / la voz < / span>

AROUSA

21 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O vicerresponsable comarcal do BNG, Xoán Xosé Castaño, e o portavoz comarcal, Xoán Antonio Allegue López, manifestaron onte, na sede vilagarciá do partido, o seu desexo de que a poboación galega asista de maneira masiva á manifestación que, cada 25 de xullo, ten lugar en Santiago de Compostela.

A congregación volverá a facer o percorrido habitual neste día, que ten como punto de saída a alameda da capital galega e cuxo traxecto finaliza na praza da Quintana, nun acto que acompañará Guillerme Vázquez, portavoz nacional do partido nacionalista galego.

Como explicou Xoán Antonio Allegue, o lema que acompañará neste ano os actos do Día da Patria, «Soberanía, democracia e traballo», fundaméntase no dereito da sociedade galega a expresarse como pobo e nación, «sobre todo neste contexto de crise», como recalcaba o portavoz comarcal. Allegue López fixo fincapé na preocupante situación que están a vivir os galegos, afirmando que o BNG conta con propostas propias para acabar con isto, vista a «incapacidade dos partidos estatais como o PP e o PSOE».

Por outra parte, destacáronse os diversos actos que terán lugar en Santiago os días 24 e 25, como o xantar de confraternidade que se celebrará na Carballeira de San Lourenzo e para o que Allegue López resaltou que xa había máis de cen persoas anotadas. Outras actividades que se desenvolverán con motivo do Día da Patria, algunhas das cales xa están a funcionar, son obradoiros para os máis pequenos e charlas para quen estea interesado.

Deste xeito, os dous responsables do BNG recordaron que o próximo venres, ás nove da mañá, terá lugar un acto na sede do partido en Cambados, con motivo da celebración deste día sinalado no calendario galego.