Javier Gómez Noya eleva o nivel da Popular cambadesa

vilagarcía / la voz

AROUSA

11 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A organización da Carreira Popular de Cambados apuntouse un tanto ao anunciar onte a participación de Javier Gómez Noya na terceira edición da proba. O dobre campión do mundo de triatlón será sen dúbida a estrela da cita arousá, que arrincará mañá domingo ás 11 da mañá desde a Praza de Fefiñáns con 608 atletas inscritos e 10.000 metros por diante nun circuinto urbán de 3.333 metros.

Gómez Noya anotouse no derradeiro día do prazo de inscrición, integrando a Popular de Cambados no seu programa de preparación de cara o Campionato de Europa, que se celebrará o 25 de xuño na cidade de Pontevedra.

Desde a organización da carreira arousá, que corre a cargo do departamento de Deportes do Concello da vila do albariño, explicaban onte que o triatleta ferrolán quería disputar un 10.000 na recta final da súa posta a punto para o Europeo, e que os fondistas cos que se adestra habitualmente lle falaron moi ben do circuito urbán cambadés.

En todo caso, na categoría raíña masculina Gómez Noya deberá compartir protagonismo cos gañadores das dúas edicións anteriores, Pedro Nimo e Hassan Lekhili, que tentarán sumar o seu segundo título nun grupo de candidatos que tamén inclúe a Elías Domínguez e o luso Rui Teixeira.

En categoría sénior feminina, a portuguesa Claudia Pereira defende título ante as súas compatriotas Filomena Costa e Dorotea Alves, e a galega Iolanda Gutiérrez.

Un conselleiro, vestido de curto

Ademais de Gómez Noya, os responsables da Carreira Popular de Cambados contarán na liña de saída de Fefiñáns co conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, secretario municipal da vila do albariño en excedencia, e que competirá na categoría de veteráns.

O circuito urbán arrinca na praza de Fefiñáns, para continuar pola avenida da Coruña, a rúa do Pombal, Ribeira de Fefiñáns, paseo da Calzada, praza do Concello, o paseo marítimo, a alameda de San Tomé, a avenida de Galicia, avenida de Vilariño ata o cruce coa avenida de Madrid, continuando por ela para enlazar coa rúa Real e confluír novamente na meta da praza de Fefiñáns.

A Popular dividirá os 608 corredores en cinco categorías, promesas, xuvenil, júnior, sénior e veteráns, con clasificacións masculina e feminina. Os tres primeiros clasificados recibirán premios en metálico.

Os corredores estarán controlados ao longo do percorrido cun chip que deberán colocar nas súas zapatillas antes da saída. A organización sinalizou o trazado por quilómetro.