Libros e espectáculos para animar o novo Lectoriño

maría santalla VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O salón de lectura infantil e xuvenil celebrarase no auditorio entre o día 7 e o 9 e a entrada será gratuíta

31 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Parece que foi onte, pero o Lectoriño xa chega á súa edición número catorce. Un ano máis o salón de lectura infantil e xuvenil protagonizará a programación cultural do mes de abril en Vilagarcía. Nesta ocasión, o certame celebrarase entre os días 7 e 9 de abril no auditorio municipal, e a entrada será, coma sempre, gratuíta.

O obxectivo fundamental desta proposta é fomentar a lectura entre os máis pequenos. Para conseguilo trátase de crear un ambiente moi atractivo para que se achegue ao auditorio o maior número de nenos posible. Esta edición titularase Sons e Letras, unha nomenclatura que responde á mistura de libros e espectáculos que inclúe a programación.

O Lectoriño, organizado pola concellería de Xuventude, vai contar para a ambientación do espazo coa colaboración do Centro galego de filosofía para nenos, a través do proxecto Miroscopio que en Vilagarcía representa, entre outros, María Corleone. A sala de conferencias do auditorio vai estar dividida en tres partes, segundo explicaba onte a concelleira Ana Lorenzo: o bosque de Faxilde, a parede triste e a parede leda. Todos os obxectos deses espazos van estar dentro dun conto, o que narra as peripecias de Lara, unha nena escritora que aínda non sabe escribir.

A programación comezará o xoves, día 7, ás cinco e media da tarde. Ás seis chegarán os monicreques de Tarabelos, coa obra O traxe novo do rei. Ás sete chegará O Quixote, unha actuación da banda de música de Vilagarcía. É a segunda vez que a formación participa no Lectoriño, trala experiencia do ano pasado con Pedro e o lobo.

O responsable da banda, Suso Nogueira, explicaba onte que «era complicado porque a banda non está acostumada a ese público». Pero despois desa primeira experiencia, nesa ocasión a banda fíxose coa partitura do Quixote, do compositor alicantino Ferrer Ferrán. «Para nós é un orgullo estar no Lectoriño», apunta Nogueira.

O segundo día desta peculiar feira da lectura haberá un obradoiro de contacontos, música e mimo a cargo do Centro galego de filosofía para nenos. Despois, teatro Caramuxo interpretará Historia dunha semente. Para o último día programouse a actuación de Tanxarina, con Os narigudos, e o Mago Cali, con Contos de Maxia.

Como patrocinadores do certame vilagarcián figuran Xerais, Kalandraka, Everest Galicia, Edicións do Castro e a delegación da consellería de Cultura de Pontevedra. Como colaboradores, Ir Indo, A Nosa Terra, Galaxia e a biblioteca Rosalía de Castro de Vilagarcía.