Leis respalda o comunicado de denuncia do plantel vilalongués

vilagarcía / la voz

AROUSA

22 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A derrota o pasado domingo no Novo San Pedro fronte ao Ordes, 1-2, producíuse tras o segundo comunicado emitido polos xogadores do Vilalonga no que vai de tempada denunciando os retrasos que acumula o club no pagamento de varias nóminas desta e das dúas campañas precedentes.

O adestrador do conxunto arousán, Gabi Leis, manifestaba onte que «indudablemente, teño que estar cos xogadores. Aféctame por igual». Ou máis, xa que o preparador figura no grupo máis damnificado, o que segue a agardar polo cobro dunha nómina da tempada 2008/09, e dúas da seguinte xunto coa prima por acadar a permanencia.

Son estes impagos plurianuais os que provocan o malestar do plantel e do corpo técnico, salienta Leis, non o retraso na presente tempada, na que o Vilalonga lles está a adebedar nestes momentos a nómina de xaneiro.

O adestrador quere deixar claro que a situación, con advertencias do plantel de «medidas drásticas» de non producirse pronto cambios, non afecta para nada ao rendemento do equipo. E para mostra, está convencido de que o Vilalonga fixo méritos para sumar un punto ante o Ordes. Dous erros defensivos resultaron letais.