Un milleiro de nenos celebrarán mañá en Baión o Día Mundial da Infancia con Unicef e O Castro

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

18 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Baión será mañá pola mañá o punto neurálxico dos actos de celebración que Unicef organizará en Galicia co gallo do Día Mundial da Infancia na véspera da efeméride do 20 de novembro. Xunto á Asociación O Castro da parroquia vilanovesa, coa que asinou un convenio de colaboración o pasado mes de marzo, o ente da ONU dedicado á protección dos nenos xuntará no pavillón de Baión a un milleiro de estudantes de Primaria das catro provincias galegas, convertidos nos verdadeiros protagonistas dunha iniciativa única na comunidade. E, apuntaron onte desde o Castro, probablemente en toda España.

O presidente do colectivo vilanovés, Pepe Sabarís, presentou onte o acto acompañado de dúas integrantes da entidade, Alicia Porto e Chus Belsol. Sabarís explicou que a intención inicial era xuntar os rapaces no recinto do cercano Pazo Baión, pero que as previsións meteorolóxicas, con fortes choivas no horizonte, aconsellaron trasladar o emprazamento a unha instalación cuberta. En todo caso, de permitilo o tempo, os nenos poderían disfrutar durante parte da xornada do pazo.

O obxectivo de Unicef e do Castro é, sinalou o presidente desta última, «que os rapaces sexan conscientes da importancia da Convención de Dereitos do Neno», adoptada por unanimidade pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 «pero que desgrazadamente aínda non está vixente en todos os países do mundo».

Pensado como un acto lúdico, cun grupo de animación que entreterá os nenos con xogos, cancións e actividades varias, a iniciativa de Unicef e do Castro terá dous argumentos centrais. Cada un dos centros educativos participantes traballou durante as últimas semanas sobre un artigo diferente da Convención de Dereitos do Neno. Os debuxos realizados polos escolares servirán para confeccionar un gran mural. En paralelo, cada centro exporá o traballo que realizou sobre o artigo da Convención que lle tocou analizar. O programa espertou tal interese, que obrigou ao Castro a deixar fóra a varios colexios por superar a demanda a súa capacidade organizativa.

Os rapaces chegarán ás once da mañá acompañados duns 60 docentes, e o acto comezará ás doce cun cento de membros do Castro encargados da intendencia, con presenza de altos cargos públicos, como o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, ou a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella.