Os galegos morren en castelán

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Só unha de cada mil lápidas en Galicia teñen os epitafios na lingua propia; Vilagarcía traballa para aumentar esa porcentaxe, e agora O Grove tamén

30 oct 2010 . Actualizado a las 18:46 h.

Os vivos en Galicia falan galego, pero os mortos o fan en castelán. Este feito que constata a escasa presenza da lingua propia no eido funerario levou a un grupo de persoas comprometidas coa lingua, entre eles funcionarios dos servizos de Normalización Lingüística, a pór en marcha unha campaña de promoción do uso do galego en epitafios, lápidas e esquelas. Á iniciativa, que xa levas uns anos de andaina, sumouse hai tempo o Concello de Vilagarcía, xunto con outros 24 municipios galegos.

No marco dese proxecto, que leva o nome de En galego, agora e sempre, onte houbo un acto no cemiterio de Cornazo que consistiu na colocación dunha placa nunha rocha de granito na que se pode ler: «Gloria eterna a cantos aquí xacen, porque nos deron a vida, a terra e a lingua».

En Cornazo estivo o tenente de alcalde de Vilagarcía, Xosé Castro, xunto co párroco do lugar, Xaquín Gómez Barros. Castro Ratón chamou a atención sobre a contradicción que hai en Galicia entre a «aldea dos vivos e a aldea dos mortos», porque mentras que a poboación, sobre todo no eido rural, fala habitualmente en galego, a presenza desta lingua no eido funerario é escasa, de tal xeito que só unha de cada mil lápidas está en galego, idioma que tan só se emprega nun 2% das esquelas.

Vilagarcía asinou tamén unha declaración sobre a memoria colectiva dos municipios galegos na que se insta aos poderes públicos a animar o proceso de rehabilitación da memoria cultural e lingúística. Á campaña sumouse tamén o Servizo de Normalización Lingüística de Vilagarcía, que participou de xeito activo na elaboración dun libro presentado hai uns días en Santiago sobre mandas testamentarias, e no que hai varios textos escritos por vilagarciáns.

Homenaxe aos mecos

O Grove vén de sumarse tamén a esta campaña. Por iso hoxe está previsto descubrir senllas placas conmemorativas nos cemiterios das parroquias de San Martiño e San Vicente co mesmo texto que xa se pode ler no camposanto de Cornazo. Tamén se distribuirá un díptico explicando o sentido desta campaña de normalización, así como o libro presentado en Santiago no que moitas persoas da vida política, cultural, social e económica de Galicia piden aos seus familiares que despois do seu pasamento respecten e protexan a súa lingua nas honras fúnebres, placas, esquelas e testamentos.