O PSOE propón que Cambados declare o 2011 como «Ano do escultor Francisco Asorey»

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

26 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O voceiro do PSOE en Cambados, Domingo Tabuyo, vén de presentar unha proposta pola que insta ao pleno a declarar o 2011 como Ano do escultor Francisco Asorey. Neste senso, solicita que o Concello nomee un comité organizador con presenza de todos os grupos políticos, encargado de coordinar, planificar e deseñar as actividades que honren o 50 aniversario do pasamento do creador.

Na exposición de motivos, Tabuyo lembra que Asorey naceu en Cambados en 1889 e que dende moi novo sentiu unha grande vocación pola escultura. De tallar santos coa navalla en lugar de asistir a clases pasou a conseguir formación académica no colexio dos Salesianos en Barcelona, onde estuda con grandes homes como Parellada e entra en contacto coas novas técnicas artísticas.

Tempo despois trasládase a Baracaldo, logo de ser nomeado profesor de debuxo na escola de artes da localidade biscaíña. Dende 1909 residirá en Madrid, onde comparte tertulias e unha intensa actividade creativa cos grandes artistas da época. En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina de Santiago, onde se incorpora a un mundo activo e militante da man da Xeración Nós, valéndolle a denominación de Escultor da Raza. Malia as súas viaxes, o vencello con Cambados, subliña o voceiro socialista, foi permanente, e de feito a súa vila natal dispensoulle unha grande homenaxe en 1992, con presenza de Risco e Castelao. Asorey finou en 1961 en A Coruña, afectado polo mal da silicose.