«A realidade asociativa de Vilagarcía é un referente en toda Galicia»

María Santalla VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Nos últimos días Xeneme impartiu un curso no auditorio para actualizar conceptos sobre a xestión das asociacións, ás que aconsella camiñar cara a profesionalización

26 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao longo dos últimos días Vilagarcía foi sé dun curso sobre xestión dos proxectos sociais, unha actividade que promoveu a concellería de Benestar que dirixe Ana Lorenzo co fin de darlles ás organizacións sociais as chaves que lles permitan manter a súa actividade.

-¿Que é Xeneme?

-Somos unha consultora de servizos sociais, que é algo que non é moi común. Arrincamos no ano 98 como unha das primeiras empresas que se dedica a isto. Nos primeiros meses fixemos actividades de tempo libre e nos institutos, e despois fomos evolucionando cara ao que agora facemos, principalmente darlle apoio técnico ás institucións e ás asociacións. Estes anos na rúa déronnos unha idea moi ampla do que está sucedendo, e por iso agora facemos tamén un labor de consultoría. Vimos que as entidades sociais non estaban vendo a crise. Están agora comezando a pillala, porque os presupostos chegan con un ano de retraso. Esta semana estamos analizando por que unhas entidades saen favorecidas e outras non, e a conclusión é que é algo que ten que ver con que unhas se adaptan aos cambios e outras están máis enquistadas.

-¿Cal é a chave dese cambio?

-Ás veces quéixanse de que a xuventude non está implicada, pero teñen que entender que somos a primeira xeración formada e que non viviu nos anos setenta. As cousas cambiaron, e o voluntariado e a solidariedade non están reñidos coa profesionalización. As entidades que se moven neses parámetros son as que están subsistindo. Hai quen di que moitas van quedar no camiño.

-O curso que se impartiu esta semana ¿en que consiste?

-No curso estámoslle dando á xente moitas cousas moi útiles que poidan empezar a empregar a partir do luns

-Pero o éxito das asociacións tamén ten moito que ver co márketing, ¿ou non?

-Si, outro dos puntos importantes é a reputación corporativa. Esa credibilidade cada vez mídese máis polo tempo que levan, polo tipo de actividade que propoñen e tamén polo impacto. Nos últimos anos houbo unha gran expansión de novas entidades con campañas moi fortes que fan decaer un pouco as entidades tradicionais. A solidariedade non vai a menos, vai a máis, pero hai algunhas organizacións que fan unha actividade practicamente empresarial, e iso é o que o está facendo moi complicado.

-Nos últimos anos xurdiron moitas asociacións, ¿conseguirán manterse todas elas?

-Creo que estamos máis ou menos de acordo en que a nova realidade económica vai facer un cribado de entidades. Ten que ver coa xestión, porque moitas sobreviven exclusivamente con fondos públicos e no momento no que estes desaparezan, as organizacións tamén desaparecerán. Outro problema é que nos próximos anos vai empezar a haber unha conflitividade laboral, porque os contratos son subvencionados.

-Hai que ir á eficacia.

-Alguén puxo un bo exemplo para iso. Consiste en que un bo xogador de hóckey non vai a onde está a ficha, senón a onde irá a ficha dentro de dous segundos. Iso pasa con estas asociacións, teñen que ir por diante. Non podemos seguir mantendo estruturas con duplicidade de servizos, hai que ir necesariamente á optimización de recursos.

-Aquí temos a idea de que en Vilagarcía e na comarca hai moitas asociacións. Vós que vos movedes por toda Galicia, ¿védelo realmente así?

-É unha pasada. A realidade asociativa de Vilagarcía é un referente en toda Galicia. Estes días xurdiron ideas moi interesantes, como a de crear espazos comúns. Neste sentido, en Santiago funciona unha casa das asociacións. Neste momento sería complicado facela aquí, fisicamente, pero si que se podería facer en Internet. É unha idea que xurdiu estes días e á que lle imos dar voltas.