Unha gran festa mariñeira animará os últimos días da Semana Náutica de Vilaxoán
AROUSA
A sexta edición da Semana Náutica que se celebra en Vilaxoán entra na súa recta final coa inclusión no programa dunha festa mariñeira que se desenvolverá durante toda a fin de semana. Esta proposta inclúe espectáculos humorísticos, circenses e de maxia, así como actividades nas que poderá tomar parte o público, como as sesións de xogos populares e tradicionais.
Esta festa mariñeira substitúe o mercado de época previsto inicialmente e que tivo que ser cancelado pola imposibilidade de asistencia de artesáns relacionados coa temática mariñeira.
O punto no que se desenvolverán a maior parte dos espectáculos será unha gran carpa que se instalará no parque Dona Concha. Con todo, haberá actividades máis dinámicas, que se celebrarán fóra deste entorno, incluso polas rúas da localidade, como é o caso dos pasarrúas ou da animación na rúa.
O programa da festa mariñeira abre esta tarde, ás seis, cun espectáculo de maxia cómica orientado ao público infantil. A continuación, e para todos os públicos, porase en escena Peter Punk , un espectáculo humorístico. As actividades rematarán coa actuación de Roi Cagabolos, un espectáculo que mestura números acrobáticos, con malabares e maxia.
O sábado haberá unha sesión de xogos tradicionais e populares a partir das once da mañá, e despois haberá unha comedia infantil.
A festa mariñeira chegará ao seu fin o domingo, con xogos tradicionais e un espectáculo de acrobacias aéreas.