A traxedia do «Cabo Razo»

AROUSA

Trece vítimas mortais e ducias de náufragos aboiando en táboas durante horas. Unha noite demencial en 1958

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O que ocorreu na noite do 4 ao 5 de agosto de 1958 constitúe un dos máis graves naufraxios dos que se ten constancia nas augas interiores da ría de Arousa. O vapor Cabo Razo fixera escala en Vilagarcía. A súa viaxe comezara en Bilbao e tiña o seu destino en Málaga. Ademais de madeira e outras mercadorías de cabotaxe, o buque admitía pasaxe. Aos seus 39 tripulantes uníanse, de feito, cinco señoritas, tres delas francesas e dúas vascas. En total, 44 persoas a bordo.

O barco zarpara sobre as once da noite dun luns de verán. Case unha hora máis tarde, cando navegaba fronte a Cabo de Cruz, o casco tocou nun baixo da zona coñecida como A Balsa. Segundo os superviventes abondaron catro minutos para que o Cabo Razo escorase e marchase ao fondo. O propio telegrafista, Antonio Aysa, explicou que só tivo tempo de botarse ao mar e fuxir do remuíño que tragou o vapor. Non puido facer o mesmo Jacqueline Colas, unha das rapazas francesas que afogou aquela madrugada. Un home, José María López, tentou agarrala cando ela aboiaba, sen consciencia, moi perto da embarcación. «Al hundirse, el barco la arrebató de sus manos», relata o xornal El Pueblo Gallego dous días despois.

Outro membro da tripulación, José Cancelas Nogueira, de 28 anos e veciño de Moaña, enfrontábase ao seu terceiro naufraxio. Os anteriores tiveran lugar en Aguiño e nas Cíes. Estivo na auga hora e media ata que foi quen de alcanzar a nado, xunta ao cociñeiro, Ramón Coello, a rocha da Balsa. Alí os atopou unha lancha para trasladalos de inmediato a Cabo de Cruz. Ao tocar terra, malia estar esgotado, puido levar ao ombro a un compañeiro sen sentido e ao seu tío, Baltasar Costas García, e conducilos a unha panadería onde aos poucos foron gañando forzas.

Cando a alarma chegou ás dúas beiras da ría, xa algunhas gamelas estaban no mar tratando de rescatar ás persoas que viaxaban a bordo do barco afundido. Unha delas era o telegrafista. A súa testemuña resulta estarrecedora. Xunto con varios superviventes conseguiu aboiar agarrado a unha táboa. Entre todos puideron improvisar, con madeiros e unha tarima, unha sorte de balsa que era preciso reconstruír cada pouco, pois o mar a desfacía. Así foron encontrados, horas máis tarde.