O legado de don Xesús

AROUSA

Galeguista e republicano, o profesor vilagarcián foi un dos artífices do lembrado colexio liberal León XIII

27 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Remata hoxe no auditorio unha das máis celebradas exposicións do Faiado da Memoria. Dedicada á escola clásica en Vilagarcía, o seu labor divulgativo non estaría completo sen unha referencia a Xesús Garrido Álvarez, alma mater do colexio León XIII durante os agoniantes tempos iniciais nos que o franquismo impuña a sangue e lume a súa ideoloxía retrógrada.

O profesor militaba no Partido Galeguista, do que foi conselleiro delegado e delegado na provincia de Pontevedra dende decembro de 1931. Na súa primeira directiva en Vilagarcía compartiu responsabilidades como vicepresidente con Dámaso Carrasco, Luís Bouza Brey e Xosé Moreira Casal. Compartir ideario con Castelao e Bóveda convertérase en algo perigoso, pois co estoupido da Guerra Civil foi acusado de pertencer ao Partido Comunista, e sancionado coa suspensión dos seus cargos e o traslado forzoso fóra de Galicia. Concretamente a Barruelo de Santullán, en Palencia. Garrido negouse, xa que aquela zona estaba entón na primeira liña da fronte de guerra, e os dous ensinantes anteriores foran asasinados. Semellante atrevemento custoulle ser retirado do corpo de mestres nacionais.

Nesta situación, don Xesús dedicou un tempo a impartir clases particulares en Vigo. Pero ao pouco tempo puido regresar a Vilagarcía para asumir a dirección do León XIII, orfo de alumnos e de espírito logo da marcha de Xosé Núñez Búa, quen non tivo outro remedio que fuxir para salvar a vida. Foi el que, xunto a Aquilino Iglesia Alvariño, adquiriu en 1939 a escola e lle devolveu o pulo que marcaría a varias xeracións de vilagarciáns, facendo dela un dos mellores centros de toda Galicia. E, dalgún xeito, testemuña daquel pasado liberal e republicano que a gadaña do franquismo decapitara sen piedade. As súas aulas chegaron a ver un milleiro de estudantes e a impartir Primaria, Bacharelato e Comercio.

Quen o trataron persoalmente lémbrano coma unha persoa extraordinaria e xenerosa, sempre disposta a botar unha man a quen llo pedise. Casado con Concepción Castromán Olveira, tivo catorce fillos. Dous deles, Daniel e Pilar, recolleron o seu legado docente. Pero na súa casa disque atoparon acubillo nalgúns momentos ata 36 persoas, entre profesores e fillos de familiares e amigos.

Don Xesús finou o 31 de maio de 1971, aos 66 anos de idade. Vinte e catro anos despois, en setembro de 1995, o pleno de Vilagarcía, presidido entón por Javier Gago, acordou dedicarlle unha rúa á súa memoria: a mesma na que se atopa o instituto Miguel Ángel González, en Carril. Mais non foi ata setembro do 2004 cando, coincidindo co centenario do seu nacemento, o Concello colocou alí o seu nome.