A deputada nacionalista Ana Pontón falará mañá no auditorio sobre a muller

La Voz

AROUSA

05 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Bloque Nacionalista Galego non quere esquecer a celebración do Día da Muller o próximo 8 de marzo, que este ano coincide, ademais, co 125 aniversario de Rosalía de Castro. Para conmemorar esta data, a formación programou un acto que terá lugar, neste caso, mañá día 6. No auditorio estará, arredor das sete da tarde, a deputada Ana Pontón, que falará sobre muller e igualdade. Despois haberá unha actuación musical.

Para o BNG, «a vindicación da igualdade segue sendo necesaria, porque as desigualdades non están superadas». Recordan os nacionalistas que en Galicia a muller segue tendo máis temporalidade e máis precariedade no traballo que os homes, e tamén menor salario. Ademais, cren que o recorte dos dereitos laborais afecta máis ás mulleres.

Xoán Antonio Allegue, responsable comarcal do BNG, Pilar Xiráldez, encargada da área de Muller, e María Villaronga, responsable de Galiza Nova na comarca, presentaron onte a súa campaña para este día, que este ano leva por lema Pola igualdade real. Decidindo por nós mesmas .

Trátase de reivindicar a igualdade, pero tamén de denunciar o «retroceso nas políticas públicas» que, ao seu xuízo, se produciu desde que o Partido Popular acadou a Xunta. Neste sentido, citan os recortes nos centros Quérote ou nas galescolas.

Por iso, nesta xornada aproveitarán para reclamar a elaboración dun plan galego para as mulleres, que inclúa actuacións específicas para garantir a igualdade. Tamén o desenvolvemento íntegro das medidas previstas na lei contra a violencia doméstica. Outra das súas demandas é que se paralice o proceso de «desmantelamento dos servizos sociais públicos», así como que se readmitan as traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

Esas mesmas preocupacións comparte Galiza Nova, para quen «o PP aínda non levou a cabo unha soa medida para paliar os efectos da crise» e para quen é «necesario mobilizarse este 8 de marzo».