A directiva do Céltiga destitúe a Pablo Vázquez e hoxe anuncia o substituto

AROUSA

10 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Pablo Vázquez deixou de ser onte adestrador do Céltiga. A directiva do club illense anunciou ás nove e vinte da noite a destitución do técnico pontevedrés. Unha medida que obedece á pésima traxectoria de resultados que o equipo do Salvador Otero mantivo nas nove últimas xornadas de Liga, con tres empates e media ducia de derrotas. O pinchazo o pasado domingo ante un rival directo, o Lalín (1-0), e a caída a postos de descenso contabilizado o efecto arrastre desde a Segunda B do Racing de Ferrol e o Compostela acabaron coa paciencia dunha parte da directiva que levaba xa bastante tempo descontenta con Vázquez. Os responsables do Céltiga acordaron deixar para hoxe o anuncio do nome do substituto, xa pechado.

O presidente do club, Martiñán, explicou que a destitución foi, como todas as decisións no Céltiga, unha medida colexiada «de toda a directiva». Pero o certo é que a marcha de Vázquez se producíu despois dun intenso debate no seo do club. Proba diso son as dúas xuntanzas mantidas polos directivos do Céltiga nas 24 horas que transcurriron entre a súa reunión ordinaria semanal do luns e a extraordinaria que mantiveron onte, e da que saíu o cese do adestrador tras unha longa hora de intercambio de pareceres.

Martiñán explicou que o luns «analizamos a situación do equipo, expuxemos o que cada un de nós pensaba, e quedamos para hoxe -por onte- para tomar unha decisión». E a maioría apostou por un cambio de dirección para tentar reflotar a un Céltiga que a día de hoxe ocupa a quinta praza pola cola da clasificación da Terceira División con 25 puntos de 69 posibles.

Como é lóxico, Vázquez foi o primeiro en coñecer a nova da súa destitución. Martiñán manifestou publicamente «o noso agradecemento a Pablo Vázquez polos seus servizos. Foi un cabaleiro. Non nos puxo ningún impedimento. Desexámoslle sorte no futuro, porque aquí non a tivo».

Na noite do luns o presidente do Céltiga falara con Vázquez para coñecer a súa opinión sobre o estado do equipo. E este amosoulle ao presidente a súa confianza plena tanto na capacidade do plantel como na súa propia para superar a mala situación actual, que atribuía en parte á confluencia de factores como a falta de sorte en certas accións de gol e os prexuízos que estaría a sufrir o Céltiga en materia de arbitraxes nas últimas semanas.

Onte Pablo Vázquez se ratificaba na súa opinión, defendendo que «os resultados non fixeron xustiza ao xogo que estivemos practicando». En todo caso, o adestrador pontevedrés, fiel ao seu discurso, di comprender a medida da directiva.

Vázquez vaise sen poder cubrir a que sería a súa primeira tempada completa como primeiro técnico dun equipo sénior, logo de desembarcar mediada a pasada campaña no Arousa, tamén sen sorte, tras deixar o posto de segundo adestrador do Pontevedra.