«Internet é xa o gran rival dos libros aínda que acabará sendo a súa canle»

AROUSA

A bibliotecaria da Illa de Arousa traballa para trocar os hábitos adquiridos dos máis pequenos que «xa non abren as enciclopedias» sen esquecer as novas tecnoloxías

06 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ás veces as persoas están tan ligadas á súa profesión que poñer nomes e apelidos a alguén é sinónimo de identificar o cargo que ocupa. Noutras ocasións, a conversa, mantida a pequenas distancias, ou a actitude ante o traballo e a vida, é suficiente como para tomarlle estima a aquel ou aquela que está a desenvolver unha tarefa con paixón. Neste caso, no da máxima responsable da biblioteca da Illa de Arousa, aúnanse ambas facetas. Ángela Otero é quizais unha das persoas máis determinantes do municipio porque sobre as súas costas repousa o inefable labor de fomentar a lectura entre os máis pequenos -e tamén entre os máis maiores- e aínda por riba a súa fama precédea.

A Illa é un territorio sui generis, e iso é bo. De feito, traballar neste contexto implica saber desentrañar os códigos propios e intransferibles que posúe para poder así aplicalos na súa xusta medida. Ángela é unha muller de mundo. Ten os conceptos ben claros e ademais posúe un incansable don para obter ideas de onde os demais só quitariamos descafeinados comentarios ante un bo tazón de té.

Por todo isto sería un erro identificar á bibliotecaria só dentro das catro paredes da propia biblioteca. Ainda que alí leva xa oito anos, a súa vida baséase nas experiencias, na viaxe evolutiva perenne e eterna e na defensa acérrima do libro perante a pantalla de plasma.

É unha desas mulleres modernas que están chamadas a ser referentes no seu eido. Opoñerse agora mesmo ao progreso sería un erro inconcebible e por iso, simplemente, está subida ao tren da cordura. Nembargantes, «o tacto dos libros non é comparable con nada», asevera cando se lle pregunta por novas tecnoloxías coma o e-book. Un xigante famento de seguir gañando adeptos a costa de que a xente vaia esquecendo aquelo de pasar páxinas para acostumarse a baixar pantallazos como é a gran rede das redes preséntase como solución, moitas veces, pero como problema, no resto dos contextos. «Internet é agora mesmo o gran rival dos libros aínda que acabará sendo a súa canle e a súa vía de difusión», vaticina a doutora das publicacións.

Asume que «Internet é primordial» para poder seguir conectados a este mundo actual pero recoñece que «mete medo» porque sinxelamente mudou os costumes e a maneira de afrontar o traballo. «Agora os rapaces xa non abren os libros para atopar datos, só pinchan no buscador», feito que provocou que últimamente «a xente xa non bote man das enciclopedias».

A Coruña, Manhattan, Arousa

Ángela recorda con claridade meridiana a súa vida de hai anos. Foi interna no colexio. Cursaba estudos en terras coruñesas e tiña tempo dabondo para saber que esa reclusión física pronto chocaría frontalmente co seu destino. O día que por vez primeira puxo un pé en Nueva Jersey comprendeu que a súa vida comenzara a xirar. «Son culturas tremendamente diferentes». Recoñece que alí comezou a cambiar como persoa e que a súa historia actual escribíu os seus primeiros capítulos coa illa de Manhattan de fondo.

Nas súas visitas a Nueva York o que recorda con maior impresión é a imaxe da liberdade feita estatua e presume de terse namorado de Brooklyn. Di que «pasear por eses sitios é como ser o protagonista dunha película», ata tal punto de ter recoñecido anos despois, nalgúns títulos de éxito da gran pantalla, lugares que ten retratados na súa mente.

Pero como viaxar non é só mercar billetes e coller avións, Ángela recoñece que a súa estadía en Norteamérica brindoulle a oportunidade de experimentar a emigración. Estivo catro anos preto dunha das grandes megalópolis do planeta e recoñece que houbo momentos nos que «se pasa mal». Ese prezo, que semellou excesivo naquel intre, acabou por ser o mellor master vital. «Chorei moito pero o certo é que me abriu a mente», e hoxe en día comprende, dun xeito especial, todos eses homes e mulleres que teñen que saír adiante en calquer país do mundo onde non naceron.

Rematada a etapa nos Estados Unidos, e deixando unha parte importante da súa vida alá, volta cara Arousa. Ese carácter extrovertido e a enerxía vital colleitada lévana a formarse como xeriatra, a ser a primeira responsable de tendas de roupa xuvenil no municipio e a entrar a facerse cargo da biblioteca municipal.

Recunchos

Unha muller con tantos quilómetros ás costas ten claro onde quere perderse e onde atopa eses recunchos de paz e soidade. Escolleu como o seu lugar predilecto da Illa a praia de Area da Secada. Confesa que está en forma porque vai correr a diario, ben cedo, para aproveitar a xornada. Cando a biblioteca abre as súas portas ela xa leva un bo anaco do día en actividade e iso, alomenos, nótase no que fai.

Pódeselle chamar saúde ou pódeselle chamar queima de enerxías. O certo é que é unha persoa moi ligada ao mundo do deporte. «Sempre fixen pesas, encántame o fitness, teño un pequeno ximnasio na casa e no verán gústame practicar deportes de mar». Por si alguén non o sabe, ademais dos paseos en bicicleta é amante das motos de auga e tamén da equitación. Sirva esta pequena radiografía para desmitificar o perfil das sedentarias bibliotecarias, porque non o é.