O Arousa agarda hoxe a contestación do catoirense Álex á súa oferta para xogar na Lomba

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

07 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ricardo Fernández podería ver hoxe parcialmente cuberto o seu desexo de apuntalar a desnutrida liña de ataque do Arousa. O club arlequinado agarda esta tarde a resposta do dianteiro catoirense Álex Mariño á oferta de fichaxe que lle presentou esta semana nada máis coñecer a súa desvinculación dun Negreira do que marchou por problemas de cobro.

Formado na canteira do Arousa, en cuxo primeiro plantel permaneceu varias tempadas, Álex xogou tamén no Cidade de Santiago e no Portonovo antes de incorporarse esta campaña ás filas do Negreira. O feito de ter disputado máis de cinco encontros coa camisola do seu xa ex equipo impídelle a Álex asinar por outro conxunto de Terceira División.

A calidade do xogador espertou o interese doutros clubs da Preferente, tanto da Norte coma do Sur. Ao seu favor, o Arousa conta co pasado arlequinado do futbolista e a cercanía do equipo a Catoira.

Fiche ou non Álex, a directiva segue buscando no mercado un lateral esquerdo e mais un dianteiro centro, toda vez que, aínda sendo un xogador de corte ofensivo, o do Baixo Ulla se desenvolve máis na banda esquerda.