«A relación entre profesores e pais debe ser máis estreita»

AROUSA

A piques de iniciar os seus terceiros encontros, o voceiro de Casaescola reflexiona sobre as necesidades educativas

26 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Casaescola nace hai algo máis dun ano para tratar de vertebrar a relación entre pais e docentes, que adoita estar ausente do proceso educativo formal. A lectura é o primeiro instrumento de achegamento que traballa o colectivo vilagarcián. Mais hai outros.

-¿Cal é a filosofía da que parte Casaescola?

-Está no propio nome. Xuntar e poñer en común experiencias de xente tanto da casa coma da escola, as familias e os docentes, dous mundos moi necesitados mutuamente pero que aínda están moi separados. De aí nace a idea dos encontros. Ao inicio de cada curso, ofrecer unha pequena reflexión, unha serie de experiencias cos libros, coa lectura, como ferramenta e fío condutor.

-¿Os obxectivos?

-A mellora da calidade do ensino e a crítica de como se está a desenvolver todo o proceso, sempre con intencións positivas, por suposto. Foi aí, nesa análise, onde vimos os defectos e as necesidades de comunicación entre a casa e a escola. Realmente a relación entre os profesores e os pais debe ser máis estreita. Esa vertebración non existe. A lei recoñece o dereito dos pais a un certo contacto co profesorado, pero non hai continuidade. Algo que se bota en falta, e queremos poñer en marcha coas ANPAS, é unha especie de escola de pais, de encontros de forma continuada, nos que os docentes deben imbricarse. Ten que ser un todo integrado.

-Andado o tempo, ¿como ve o camiño de Casaescola? ¿Resposta a práctica a esa filosofía coa que naceu?

-Hai carencias, claro, pero tamén avances importantes. Estamos falando de tres encontros organizados. O panorama da valoración da lectura mudou bastante en Vilagarcía. Temos un club de lectura que celebrou once sesións nun ano, catro encontros con autores, un club de adultos que está funcionando e agrupa a vintetantas persoas. Hai experiencias de presentacións de libros e de traballo con libros infantís e xuvenís. No Lectoriño tamén, en colaboración coa concellería de Xuventude. Hai iniciativas que teñen a súa pegada e outras que queremos potenciar, coma o Trasno das Letras, que na Escardia funciona moi ben e queremos estender a todos os centros, cando menos os de Primaria.

-¿En que consiste?

-A idea sería que en todos os centros houbese unha xornada de contos na que os pais se implicasen e se dese lugar a unha reflexión sobre a lectura en galego.

-Teño entendido que hai un traballo tamén para sumar outros colectivos.

-Niso estamos. Imos tentar que o colectivo de ANPAS de Vilagarcía se sume a iniciativas comúns con Casaescola e mesmo co ateneo Mar de Arousa, que está polo labor de unir forzas para crear unha dinámica de traballo arredor de temas que nos preocupan, como comunidade escolar e tamén como cidadáns.