A compañía Volta e Dalle escenifica este venres a obra «Pan», unha proposta innovadora sobre a tradición
26 nov 2009 . Actualizado a las 19:55 h.É a última representación programada dentro do ciclo que o Concello de Vilagarcía lle dedicou ao teatro galego, e é tamén a derradeira función deste espectáculo que leva dous anos rodando por Galicia. Será o venres, ás nove da noite, cando o pano do auditorio vilagarcián se abra para dar paso á escenificación de Pan. Catro propostas arredor da malla .
A peza preparada pola compañía Volta e Dalle é unha aposta innovadora na que se mesturan teatro, danza e música en vivo. É o froito dun proceso de creación colectiva dirixida por catro directores e por unha coreógrafa, cunha temática diferente: a tradición perdida das mallas.
Con ese eixo temático, os autores queren simbolizar a perda dos valores da colectividade. O pan e a malla convértense nunha desculpa para falar dos males do individuo na sociedade actual: a soidade, a perda de valores, a incomunicación, ... « Pan é un intento de falar da globalización, do que é auténtico e do que non o é, e de que a aldea xa case morreu», resumía onte, no acto de presentación, Pepe Penabade.
Os catro actos están dirixidos por catro directores diferentes: Nazaret López, Carlos Santiago, Lucho Penabade e Rivadulla Corcón. Sobre o escenario danlle forma ás historias os actores Comba Campoy, María Lado, Pepe Penabade, Luís Iglesia e Alfonso Romeo. A música en directo é responsabilidade de Mini Rivas e Mero Iglesias, ex compoñentes de Fuxan os Ventos, e agora integrantes de A Quenlla.
Pero quen queira ir abrindo boca antes da representación, o mesmo venres poderá topar á compañía polas rúas de Vilagarcía. A partir das doce do mediodía, varios actores, acompañados por algúns dos compoñentes de Os Terribles de Arousa, realizarán unha serie de accións teatrais de rúa na zona da Baldosa, con representacións da malla, reparto de pan de Cea e a entrega da publicidade do espectáculo. Un acto no que tamén se promocionará o libro cedé da peza teatral, editado por Sotelo Blanco e a Fundación Manuel María.
Os prezos desta función son de cinco euros na zona A do auditorio, tres na zona B, e dous na zona C. As entradas pódense mercar a través da páxina web www.caixanova.es ou no número de teléfono 902 504 500. O mesmo día da actuación venderanse na billeteira do auditorio desde as sete da tarde.