O Céltiga persegue en Bouzas o seu primer triunfo fóra da Illa

OURENSE CIUDAD

11 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os homes de Pablo Vázquez desprázanse esta tarde a Vigo para tentar aprobar a súa gran materia pendente nestes primeiros compases de Liga. No seu cuarto desprazamento fóra da Illa, o Céltiga busca no campo do Rápido de Bouzas (Baltasar Pujales, 17 horas) o que sería o seu primer triunfo da tempada coma visitante. Unha condición esta na que ata o momento tan só foi quen de sumar dous puntos dos nove posibles.

Tras empatar nos feudos do Santa Comba (0-0) e do Bergantiños (0-0), e logo de caer hai dúas semanas en Narón (2-0), o conxunto arousán persegue os tres puntos nun campo relativamente asequible dados os números acumulados ata o momento polo Rápido de Bouzas.

O Ourense gañoulle a partida ao equipo vigués na segunda xornada de Liga, 1-2. Posteriormente, o Somozas, penúltimo clasificado da Terceira galega, sucumbíu no Baltasar Pujales, 2-0. Dúas xornadas despois, o Pontevedra B sacou un empate do mesmo terreo de xogo, 2-2.

O adestrador do Céltiga analizaba na véspera o partido co Rápido de Bouzas, e a súa conclusión é que «va a ser un partido de mucha pelea, de mucho contacto, muy físico».

Así o fai pensar a continuidade de Pablo Díaz á fronte do banquiño do cadro olívico. Un técnico que lle imprime moita intensidade defensiva a todo aquel conxunto que pasa polas súas mans, primando o xogo colectivo por riba das individualidades.

Outro elemento que leva a Vázquez a pensar nun choque esixente para os seus homes é a natureza do terreo de xogo, de herba sintética. O técnico confía en todo caso en que o seu equipo teña maiores facilidades ca en anos anteriores para poder despregar un fútbol de toque despois da substitución en Bouzas do céspede artificial de primeira xeración, que facía case imposible o control do balón pola falta de resistencia ao seu avance, por unha herba de última xeración.

Pablo Vázquez amosábase onte especialmente optimista de cara o encontro de hoxe, xa que «esta semana ha sido la primera desde que empezamos a trabajar en la que hemos podido entrenarnos con la plantilla al completo». Mesmo Beni, o último inquilino de longa duración na enfermería illense, se puido adestrar con normalidade co resto do grupo.

Deste xeito, o técnico do Céltiga puido facer tres descartes, deixando na grada por razóns técnicas a Rubén e a Manu Conles xunto a un Beni ao que lle quedan aínda unha ou dúas semanas máis de posta a punto.