Cómodo compromiso para o Cambados, que se mide en Burgáns o colista da Preferente Sur

La Voz

AROUSA

27 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Cambados ten hoxe a que sen dúbida semella ser a mellor oportunidade de sumar a súa segunda victoria da tempada. En campo propio (Burgáns, 17.30 horas) , o conxunto adestrado polo vilagarcián Eduardo Carregal exerce de anfitrión ante o colista da Preferente Sur. Un Nogueira de Ramuín que ao contrario cos seus compañeiros de ascenso, o Rápido de Bahía e mais o Covadonga, está a padecer o habitual mal trago do novato na categoría.

O colista chega a Cambados como o único equipo que non foi quen aínda de sumar un só punto despois de catro xornadas transcorridas. É tamén con diferenza como o cadro coa peor defensa do campionato. En boa medida, polo 6-1 co que o Arousa lle deu a benvida á categoría. Desde entón recibíu outra media ducia de goles en contra, a dous por partido, ante o Cruceiro (0-2), o Celanova (2-1) e o Portonovo (0-2).

Carregal sinalaba na véspera do choque que a victoria do Cambados pasa por explotar as maiores dimensións de Burgáns respecto ao campo do Nogueira e a idade media do plantel deste. ¿Como? Imprimíndolle un alto ritmo ao encontro.

Álex Cubas, Toño Agra, Koeman e Nino son baixa hoxe, e Matías, Fernando, Fran e Noli foron descartados polo técnico local. O último para ir co equipo xuvenil, e os outros tres co Cambados B.