Os rapaces das escolas da cidade asistirán a unha proxección no auditorio que fomenta o galego

La Voz

AROUSA

11 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os nenos e nenas dos colexios do Concello de Vilagarcía asistirán a próxima semana a unha proxección no auditorio dun vídeo co que se tenta fomentar o uso do galego.

As actividades desenrolaranse o luns, martes e mércores da próxima semana dentro do horario escolar. Comezará cunha proxección audiovisual sobre a guerra de Troia para contextualizar a historia. Nesta proxección recóllense imaxes da cidade e dos muros, os barcos dos heroes e mais os principais heroes e deuses implicados no desenvolvemento da devandita historia.

Os rapaces poderán ver Navegacións e homes de mar, A Odisea. Trátase dun conto que parte da Odisea de Homero como fío condutor, e se fai unha aproximación ás navegacións antigas e ao mar como espazo de aventura.

A seguir, contarase o episodio da viaxe de Odiseo titulado «O xigante Polifemo» por medio dunha montaxe audiovisual que mestura representacións antigas do xigante con interpretacións modernas. Deseguido, narrarase un conto baseado nunha situación actual onde a intelixencia vence sobre a forza bruta.

Despois das narracións, farase unha presentación dos barcos gregos antigos, das navegacións polo Mediterráneo e da influencia que tiveron na construción naval. O material consistirá nunha proxección dos elementos máis salientables da construción de barcos acompañada do vocabulario básico correspondente.

Ao remate da actividade, entregaráselle a cada rapaz un exemplar do libro A Odisea e un recortable de cartolina para a montaxe da maqueta do barco de Odiseo, inspirada nun debuxo atopado nunha antiga ánfora tebana.

Aos profesores que acompañen os nenos e as nenas, faráselles entrega dun disco con recursos para facilitar a continuidade do traballo na aula, durante a lectura do libro.

Novecentos cativos

Asistirán a esta actividade 900 rapaces entre 9 e 12 anos, de case tódalas escolas de Vilagarcía. Ademais, o Concello poñerá un bus para os cativos que se despracen dos colexios de Vilaxoán, Carril ou O Piñeiriño. O horario será de 10 a 13.30 horas.