«Queremos que os veciños de Rubiáns teñan unha praza pública da que poder sentirse orgullosos»

La Voz

AROUSA

18 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Xurxo Abuín pretende que a parroquia máis populosa de Vilagarcía entre por pleno dereito no reparto dos fondos estatais.

-¿Cal é o sentimento que impera estes días na súa parroquia?

-O de inxustiza, porque a Rubiáns se lle está discriminando e alguén debería explicar as razóns. Eu podo chegar a entender que na primeira lista de fondos non aparecera esta zona pero unha vez que se lle explica a situación, o normal sería sentarse a facer números, pero está visto que non queren.

-¿Esperaba que Rubiáns chegase a coller o protagonismo que acadou nesta última semana?

-Non. De feito, se me din en Noiteboa que ía a estar na prensa a diario, non daría crédito. Paréceme incrible, aínda que algo terá que ver coa falta de actividade política de Ravella.

-¿Qué pide a asociación de veciños O Souto?

-Queremos que Rubiáns teña unha praza pública da que sentirnos orgullosos. Que haxa un parque con bancos, fontes, un estanque, mobiliario urbano de calidade, zonas axardinadas, parque infantil, un acceso ben delimitado, que haxa bolardos abatibles, impedir os trompos dos coches, poñer prazas de aparcamento... e o que se faga, que se faga con materiais de calidade.

-Pero rexeitan a opción de financiar a obra cos fondos da Deputación...

-Si, porque a todas luces é insuficiente. Aquí fai falla moito máis que 149.000 euros e o peor é que cando fixeron públicos os orzamentos anticrise, a Deputación aínda non informara dos seus fondos. Despois foi cando se agarraron a eles como a un cravo ardendo.

-¿Qué faría Xurxo Abuín con seis millóns e medio de euros de inversión?

-Reuniría a todas as asociacións de veciños e a todos os grupos políticos para intentar buscar un consenso. Posiblemente a relación de obras a realizar non me satisfaría pero nun consenso ninguén pode pretender que todas as súas expectativas se cumpran.

-¿Cal é o punto no que máis discrepa do reparto?

-Hai dous que me parecen disparatados: O da finca do doutor Carús e o de Rey Daviña. Estamos en plena crise e coas carencias que existen no rural non se entenden os criterios de reparto. Isto é como a lotería, tócache unha vez e non volverá a pasar.