Candea inaugura o Ano Cabanillas coa publicación dun «Retablo de Nadal»

AROUSA

16 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación de ensinantes Candea quixo ser unha das primeiras entidades en celebrar o Ano Cabanillas, que oficialmente dará comezo o primeiro de xaneiro do 2009. A asociación acaba de publicar as «Ofrendas das fadas no portal de Belén», escritas polo autor, para que tamén durante estas datas os pequenos poidan seguir traballando coa obra deste ilustre cambadés. No proxecto colaboraron sete mestres, que se encargaron de ilustrar os poemas, e a Consellería de Cultura, que foi a que subvencionou a edición desta obra.

Segundo explicou a delegada de Cultura en Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, Cabanillas foi un dos autores que utilizou o teatro para comunicar á sociedade unha serie de valores sobre a lingua e a cultura galega. «Quería dignificar a lingua a través precisamente destas ofrendas e deste retablo de Nadal», engadiu. Por iso Cabanillas transforma aos reis magos en fadas. E eses seres mitolóxicos están, en realidade, moi vencellados coa realidade de Galicia. Deste xeito, o poema convértese «nun canto ao país a tamén á paz», explicou Adela Leiro, responsable de Candea.

A obra divídese en seis poemas distintos, cada un deles ilustrado por un mestre. Deste xeito, Eduardo Baamonde encargouse de pintar á raíña das fadas, mentres que Xulio Gayoso ocupouse da dos Campos. A das Ágoas foi cousa de Manolo Busto e a da Montaña de Saúl Otero. Por último, Mon Daporta debuxou á do Mar e Fernando Arenaz, ao Ánxel. Adela Leiro, por último, fíxose cargo da portada da nova publicación, que consiste nunha fotomontaxe entre os penedos do Larouco e unha posta de sol en Sálvora.

Desta obra de Cabanillas editáronse un total de cincocentos exemplares, que serán repartidos entre colexios, casas de cultura e librerías de xeito gratuíto. «Con ela inauguramos as celebracións do Ano Cabanillas porque esta obra non tería sentido presentala noutras datas pois está dedicada ao Nadal», asegurou Leiro. A publicación convértese así na primeira das moitas homenaxes que se farán na honra do poeta da raza durante o próximo ano, cando Cambados celebrará o cincuenta aniversario da súa morte.