«Para chegar á gargallada profunda, hai que sacar o neno que hai en ti»

A. G.

AROUSA

17 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Miguel Trapote ensina á xente a rir. E di que non é nada doado. A súa fórmula combina xogos, exercicios e ata as cóxegas si fan falla. Onte deu a súa primeira charla nun curso en Ribadumia.

-Como se fai para que a xente rompa a rir?

-Non e doado. Teñen que desaparecer os bloqueos ata que chegue a gargallada profunda

-Ben, pero como?

-Con exercicios de respiración, estiramientos, xogos...

-Cóxegas.

-(Ri) Si, tamén. Aquí vale todo. Hai que facer que saia o neno que hai en ti.

-Cal é o perfil da xente que vai a este tipo de actividades?

-Normalmente, xente maior. Se cadra porque teñen máis tempo libre, pero concretamente neste curso estou sorprendido porque hai seis ou sete rapaces novos.

-Engancha a risa?

-Claro que engancha.

-E os efectos saltan á vista...

-Notas un cambio. Andas con máis enerxía positiva e saes como flotando das sesións.

-O que ten este tipo de cursos de bo e que as súas ensinanzas pódense aplicar despois na vida diaria, non si?

-Claro. Son exercicios moi sinxelos, de respiración e de relaxación que pódense facer na casa en cinco minutos. Para darlle outro enfoque á vida. Un enfoque que realmente existe.