opinión860 anos de feiras

A que hora pasa o tren das catro por Mondoñedo?


19/10/2016 16:48

Achegou o día de contar o segredo polo cal, sen haber vía, crúzanse a diario dous trens en Mondoñedo. No da fantasía viaxan aqueles que cumpren co ritual de sentar no colo de Cunqueiro; vai e volve por riba da catedral cargadiño de soños para ir repoñendo aqueles que, adurmiñados entre a néboa e o vento, pouco a pouco van esmorecendo. Tamén carga coa herdanza dos milleiros de sanluqueiros que nel viaxaron desexosos de atopar nas “feiras da vila” o capital humano que lles permitira remoer o resto do ano as crudezas da vida porque todo hai que dicilo: a fama das San Lucas e o seu prestixio merecido non se debería medir polo froito ecónomico dun xeito exclusivo. Intercambiar retranqueiras conversas, apertas de amigos, retrincos e cantigas entre empanadas, polbo, aturuxos e bo viño axudaron a manter esta romaxe de outono ao longo de oitocentos sesenta anos.

O outro tren, o do realismo diario, tivo aprobado proxecto ( Ribadeo- Mondoñedo - Lugo) hai case cen anos mais no 1925, cando Gumersindo Otero estrenou a ferretería no Cristo dos Remedios, o pobo rosmaba pola falta de acordo na comisión encargada de elexir estación entre o Couto e Valiño.

Por esa razón, o día das maulas, un veciño dese lugar requentaba a batalla, mentres mercaba nas varas de avelao, xusto no Cristo, berrándolle a Gumersindo:

- Ferreteiro, tés rateiras?

- Teño - respostou desde dentro.

- Logo dame unha á présa que vou pillar o tren a Valiño.

- Home, tan grandes non as teño! - repostou Gumersindo.

- Entón haberá que ir pilla-lo ao Couto onde, por ser costento, o tren será cativeiro e subirá despaciño.

Nese momento outro do Couto que escoitaba cambiou a vara por outra que levaba un afiado ferrete no extremo mentres dixo:

- Mellor levarei esta. Ten na punta unha “retranca” que saca moi ben a chispa das cachas e a algún poda que lle faga falta!

Excuso dicir que o froito da desunión sempre conduce ao fracaso asi que estrear a aguillada non foi necesario. O proxecto real, coma tantos outros, convertiuse en borrallo e aboia entre a néboa, aló no Fiouco onde precisamente D. Álvaro Cunqueiro escolle os soños para subilos ao tren pero dende que mira sen lentes debe ter medo a que cheguen con retraso porque me pregunta sempre: a que hora pasará por Mondoñedo o tren das catro?

 

Votación
3 votos
Etiquetas
A Mariña Mondoñedo
Comentarios