Morreu Pepe da Palla


19/10/2016 16:47

Os da Palla desapareceron da face de Mondoñedo hai moitos anos e, polo que acabo de saber, xa fican tamén totalmente ausentes da face da Terra toda. Sóubeno lendo o dixital Herald Soun, de Melbourne, onde se conta que o noso antigo veciño, Pepe da Palla, morreu alí hai uns días.

Chamábanlles os “da Palla” porque o primeiro do que hai memoria, que é quen lles deu o título a todos os que viñeron detrás, morreu cunha palla na boca. Xuventino; un home de porte descomunal.

Cóntase que nas Feiras das San Lucas de 1892 ou 1893 tivo a ocorrencia de montar un espectáculo que consistía en soprar cunha palla de centeo polo cenzo dun animal, e a forza de aire (sempre que alguén colaborase tapándolle a boca á besta) conseguía que se erguese un ou dous palmos do chan. Traballaba sobre todo con bacoriños e años, sempre cuadrúpedes infantes. Cando morreu, que foi nas San Lucas de 1895, disque non foi do esforzo, que lle sobraba peito, senón do couce que lle deu un poldro bravo cando intentaba que levitase.

Marchou para Australia o 18 de outubro de 1976, o mesmo día que cumpría 25 anos. Vira un anuncio nun xornal no que se ofrecía traballo para pastorear ovellas e para alá foi. Aínda me lembro daquel libriño que mercara para aprender catro palabras en inglés.

 

Cargando ovellas

Segundo o Herald Soun alí fíxose moi popular, grazas precisamente a esa habilidade herdada da familia, aínda que aquí só lla víramos practicar unha vez. Por pasar o tempo fixéralle a operación a unha galiña, pero como voan, aínda que sexa mal, non logrou que quedase estática eses segundos necesarios para validar a proba. Vese que cos bípedes a técnica non ten o mesmo éxito que cos cuadrúpedes.

Porén, en Australia especializouse en cargar e descargar ovellas nos remolques e camións co método familiar. Parece que refinara a palla, que non era de centeo nin de trigo, senón feita de materiais máis consistentes; e que dunha sentada subía ou baixaba, regulando aire para conseguir un ou outro efecto, un cento das meiriñas xigantes que hai por alí.

 

 

Un botello de aire

Pero Pepe non morreu traballando senón de impaciencia. Expirou logo de inspirar dun pequeno botello aire de Mondoñedo.

Mandárallo unha prima segunda que ten en Viloalle como agasallo de aniversario, e tamén como anticipo do inminente regreso á terra natal. Faría 65 e íase xubilar pero non puido agardar á data para gozar do regalo.

A señardade, ao que parece, tamén pode matar.

Cando morreu nas San Lucas de 1895, disque non foi do esforzo, senón do couce dun poldro

Votación
3 votos
Etiquetas
A Mariña Mondoñedo
Comentarios