Contra os recortes educativos

ANPA do Gregorio Sanz

A MARIÑA

02 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

AANPA A Faxarda, do Ceip Gregorio Sanz de Ribadeo, maniféstase abertamente en contra dos recortes que se están a producir no ámbito do ensino público en detrimento da educación dos nosos fillos e fillas, e que se concretan nos seguintes puntos:

1.- Recorte de profesorado especializado. No noso colexio empezou o curso pasado coa supresión dun profesor compartido de Audición e Linguaxe e no presente curso suprimiuse unha praza de Pedagoxía Terapéutica. Nun centro no que de 400 alumnos 60 teñen necesidades educativas especiais que non poden ser atendidas debidamente.

2.- A repercusión que nos nosos fillos teñen as medidas de presión adoptadas polo profesorado, como é a decisión de suprimir as actividades extraescolares (que non sexan as estrictamente reflexadas no calendario escolar), tales como o magosto, o Nadal, o entroido, a semana cultural..., non se levarán a cabo fóra da aula.

3.- Todo debido a uns recortes orzamentarios esaxerados que, según nos consta, afectan exclusivamente ao ensino público, mentres que os colexios concertados incrementan os seus ingresos con diñeiro público que pagamos todos e todas. Precisamente esta medida é a que pon en evidencia que non estamos ante un problema económico, como se nos quere facer crer, senón ante unha decisión de favorecer ao ensino privado en detrimento do público.

Por todo isto esiximos á Consellería de Educación a defensa ante o Goberno da Xunta de Galicia na eliminación de medidas de recorte e a demanda de mellora continua dos investimentos no ensino público, así como a dotación de profesorado e recursos necesarios imprescindibles para o correcto desenvolvemento das actividades educativas no centro, que garantan un ensino de calidade para os nosos fillos e fillas. De non ser así, reservámonos o dereito de adoptar outro tipo de medidas. ANPA do Ceip Gregorio Sanz, de Ribadeo.