«Ao non chover non hai setas, é inútil saír para non atopar nada»

a.f.c. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Ferreira suspende a recolección pero mantén a cea micolóxica de hoxe

22 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Jesús Blanco (Vilaronte-Foz, 1959) a afección polos fungos venlle dos tempos de estudiante de Bioloxía, en Barcelona, e dun profesor «que facía moito fincapé na micoloxía e que nas saídas ao campo para coñecer as plantas sempre se paraba nas setas». Despois, ao asentarse en Foz, descubriu a asociación Os Bolouros, que preside dende hai anos. «Levábaa Constantino Mariño, era o xefe de Extensión Agraria», recorda. Hoxe, Blanco vai dirixir unha xornada micolóxica en O Valadouro. Non hai setas no monte pola escasez de choiva, pero van facer igual a degustación (na cafetería da Casa da Cultura de Ferreira), con producto conxelado.

-A deste sábado era a primeira saída da temporada...

-Si, pero non hai setas. En toda Galicia se están aplazando, cando non suspendendo, as recoleccións, porque é inútil facer a saída e atoparte sen nada, é moi decepcionante. Se non vén frío e chove trasladaremos a saída ata finais de novembro ou principios de decembro.

-Pero estase perdendo o mellor.

-Aquí, a mellor época vai de mediados de setembro a mediados de novembro, cun pico agora, estes días. Pero non hai setas, por falta de auga. Se chovera en agosto, coa temperatura suave, habería cogomelos; pero ao non haber hidratación, nada.

-¿Que van facer mañá (por hoxe, sábado) en Ferreira?

-A idea é que a xente vaia polos seus arredores e recolla o que atope; despois faremos unha pequeña exposición, cunha charla, e a cea-degustación. Pedimos permiso para recoller nos montes da Fraga Vella, pero xa nos dixeron que está todo seco.

-Os Bolouros contribuíu a que aumentara a afección na zona.

-Xa levamos dende os anos 80, uns trinta anos facendo estas cousas. Neste tempo pasouse da Galiza micófoba, que rexeitaba as setas, a estar igual que no resto da península. Iso si, para a xente nova..., a xente vella segue rexeitándoas.

-Agora pódense mercar setas en calquer tenda.

-Hainas en fresco, conxelado e en seco. Pódense comprar todo o ano. Mañá (por hoxe) utilizaremos seta cultivada e outra que se encontrou hai unhas semanas (saíu co fresco) e se conxelou.

-¿Onde se dan as mellores?

-En bosque de piñeiros hai cantidade, pero de poucas especies; nas fragas, moita variedade e poucas de cada, é o mellor.

jesús blanco presidente da asociación de micología os bolouros