A sorte de percorrer o mundo

ana f. cuba VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Castrillón, con raíces en Lourenzá, representa a nova cociña galega

09 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai uns días que Iago Castrillón Bermúdez (A Pastoriza, 1979) recibiu o terceiro premio do concurso de Cocinero del Año das comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León. «Sempre que vas intentas ir polo primeiro..., tratas de presentarte a estes certames para que coñezan por aí a cociña que desenrolas», apunta este restaurador, que estudiou un ciclo na Escola de Hostalería de Foz.

Súa nai e seus avós maternos son de Lourenzá. El criouse en Pedrafita do Cebreiro e botou varios anos na vila mariñana. «Miña nai traballaba de cociñeira nunha empresa e meu pai nunha panadería», conta. De aí lle vén a afección polos fogóns, «do que vía na casa e nalgún programa de televisión». «En Galicia sempre existiu tradición de xuntarse arredor dunha mesa, gusta comer, de todo iso fun aprendendo». E evolucionando.

Atopou o primeiro emprego no restaurante Montero, en Mondoñedo. «Vin que era una profesión bonita, dache a posibilidade de viaxar porque en todos lados se sociña. Tes a sorte de poder recorrer mundo», recalca. En Madrid compartiu os fogóns do restaurante El Chaflán, de Juan Pablo Felipe, cunha estrela Michelín: «Ves como se traballa o produto, como se esmeran en facer os pratos, unha evolución, un departamento de I+D, e dis ?isto si que me gusta?».

En Londres, noutro local distinguido cunha estrela Michelín, atopou «unha cociña máis afrancesada, máis tradicional, pero todo moi elaborado». Na capital británica, asegura, «están máis abertos, aparte de ser unha cidade multicultural, están moi concienciados cos produtos orgánicos, con levar a cociña á rúa, facela visible». O periplo continuou en Valencia, con Ricard Camarena e outra estrela Michelín. «Pensas ?¿por que non montar algo aquí (en Galicia)??». Xa hai tres anos e medio que naceu o restaurante Acio, na rúa Galeras, en Santiago.

Non pode ser casual que tres galegos gañaran o recente certame de Cocinero del Año: «Estamos demostrando que en Galicia os cociñeiros saben tratar ben o produto, que é extraordinario; hai xente nova que se arrisca a dar a súa visión da cociña, unha xeración que demostra que se pode vir a comer marisco, non só cocido». Castrillón destaca a relación existente entre os restauradores, «cada un co seu estilo». O mellor, di, é pasalo ben e divertirse cociñando.