O Fishing Work Viveiro caeu diante do Conxo pola mínima e complica a súa permanencia

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

26 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Fishing Work Viveiro no puido a pasada fin de semana co terceiro clasificado da Segunda Autonómica de balonmán, un HVO Club Deportivo Conxo que dominou os sesenta minutos de partido pero que non asegurou a súa vitoria ata os segundos finais.

Os viveirenses non completaron un bo primeiro tempo, no que o seu bloque defensivo se amosou máis débil do habitual e no que a aportación dos porteiros locais foi escasa. Froito delo, os santiagueses chegaron ao descanso cunha cómoda renda de 13-17.

O panorama continuou inalterable ata o ecuador do segundo tempo, cando os mariñaos melloraron no seu traballo defensivo e foron reducindo paulatinamente as distancias co cadro visitante, chegando a empatar o encontro a pouco do final. Mais os composteláns puxéronse de novo por diante e cando os viveirenses tiñan balón para empatar, a uns 40 segundos do final, un mal pase en contragolpe condenou ao Fishing Work a unha nova derrota.

Con este resultado e trala vitoria do Galicia Social, penúltimo clasificado, os pupilos de Juan Fernández só manteñen tres puntos sobre os postos de descenso, cando os vigueses aínda teñen oito por xogar e os viveirenses doce.

Catro deles poranos en xogo esta mesma fin de semana coa Sar de Redondela, coa que disputarán o encontro pertencente a unha nova xornada e o que fora adiado o pasado 10 de xaneiro pola neve nas estradas. O primeiro choque xógase mañá no Municipal de Viveiro a partir das cinco e media da tarde.