O servizo, que organiza na vila ribadense unha sesión de contacontos para mañá xoves, atende arredor de 300 familias na comarca da Mariña
Mañá, xoves 18, o auditorio ribadense acollerá ás 16.00 unha sesión de contacontos para os nenos e as familias da Mariña que participan en Preescolar na Casa. A zona de Ribadeo a leva a mestra orientadora Encarna Santos (San Xusto-Barreiros, 1963). É un dos 70 docentes que Preescolar na Casa ten por toda Galicia e neste caso esta barreirense suma uns 20 anos de experiencia.
-¿Cal é o fin deste servizo familiar tan extendido?
-Ten como misión difundir unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa familiar, promovendo espazos educativos que levamos a cabo en varios concellos, unha vez cada quince días. Un dos seus servizos fundamentais é o de orientación ás familias, co que se quere axudar e comprender mellor aos nenos e buscar respostas axeitadas ás súas necesidades. Este lévase a cabo a través do espazo das familias, que lles ofrece a pais e nais a posibilidade de dialogar, reflexionar e analizar a vida cotiá. En toda Galicia unhas 4.300 familias son atendidas en 685 espazos educativos. Na Mariña, máis ou menos, poderían ser sobre 300 familias. Tamén hai outro servizo de difusión que comprende unha ampla variedade de accións divulgativas, paralelas ao traballo de orientación ás familias, como a publicación dunha revista bimensual que entregamos a familias, colexios e institucións, ten tamén programas na Radio Galega, Televisión de Galicia, Radio Principal, Cadena Ser, conta con web e diferentes publicacións propias.
-¿Cales son as inquietudes máis comúns dos pais?
-Os temas que preocupan máis nestes primeiros anos de vida a veces son a alimentación (que os nenos non son comedores, que non se adaptan ao que non é pasado pola batidora...) ou que non durme ben, e de cara aos dous anos as rabietas ou a cuestión de poñer as normas, os límites. Hai que entender que estamos na idade da exploración, da conquista da autonomía, e os nenos son incansables nesta idade. O que tratamos nestas reunións é de darlles a coñecer ás familias as etapas evolutivas dos nenos e saiban dar resposta a todas as idades, en cada unha.
-Os nenos de hoxe, ¿cambiaron moito con respecto aos de fai 20 anos?
-Os nenos son os mesmos pero a sociedade non é a mesma e todo é resultado dos cambios da vida, porque agora todo vai demasiado de présa. Temos que respectar esa etapa evolutiva dos nenos, sen embargo parece que nos urxe levalo á gardería, etc... e a veces estamos pedindo cousas aos nenos cando non están maduros. O problema é noso, que andamos contrareloxio, levamos unha vida axitada en xeneral e iso xenera estrés. Todo iso llelo transmitimos aos fillos. É bo que o analicemos, pero a familia non soe reflexionalo. Tamén é moi difícil porque non hai axudas para que os pais podan dedicarlle tempo ao neno. Os primeiros anos son esenciais para o vencello afectivo. A educación infantil é ata os 6 anos. Realmente ata os 3 anos non disfrutan moito xogando con outros nenos e a familia é a súa referencia. É cando che di unha nai, «é que non sei como non despegalo» cando o lóxico é que o neno queira estar coa nai.
-Hoxe en día tamén hai expertos en educación maternal que ofrecen teorías diferentes, a veces contraditorias. ¿Como tratan de guiar aos pais e nais?
-Nos espazos de Preescolar na Casa proporcionamos documentación ás familias. Cada 15 días facemos unha programación e cada unha abarca un tema concreto. Agora estamos coa expresión artística e musical, outras veces cos medos, etc... Hai libros sobre a etapa infantil e contos para os nenos que levan para a casa e devolven.
-Subraia que fomentar o apego nos primeiros anos é clave. Se iso falla, ¿pode ter efectos na adolescencia?
-O neno que medra nun ambiente de seguridade e afectividade vai ser máis seguro nas súas relacións persoais. O que tivo carencia terá baixa autoestima. Hoxe ves canto fracaso escolar hai, problemas nos adolescentes... e vén de falla da conciliación laboral e familiar. Nos pasa factura. Moitas veces recolles o que sembras.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios