O mariñao Ismael Rego, o deputado máis veterano do Parlamento, cre que o PSOE perdeu un referente
A marcha de Emilio Pérez Touriño da bancada socialista no Parlamento galego non pasou desapercibida para o deputado mariñao Ismael Rego (Cangas de Foz, 1951), quen cre que o PSOE «perdeu un referente que nos levou da nada ao Goberno de Galicia».
-¿Que supón a súa marcha da primeira liña da política?
-Touriño foi o primeiro que puxo en marcha un proxecto de país e sempre compatibilizou o seu proxecto de partido co seu proxecto de país, pero quizais unha parte considerable do equipo do que se rodeou no partido non estivo á altura das circunstancias. Algunhas «cortaduras» de miras frustraron o proxecto de país de Touriño. O principal afectado por esta situación é o PSOE porque perde un referente, un político que nos levou da nada ao Goberno de Galicia e nos deixa con 25 deputados. O PSOE perde o principal activo da súa historia. Imos ter que esforzarnos na oposición para retomar de novo unha senda de equilibrio co país. -Como socialista, ¿en que nota a súa ausencia? -Touriño trouxo ao socialismo galego un proxecto político de firmes conviccións e compromiso co país e cos galegos. Fixo que por primeira vez os socialistas entenderan un compromiso co país. Tiña unha forma de facer e de entender a política e aos galegos baseado nun firme compromiso cos seus problemas. Que se aparte da vida política supón para o PSOE a descapitalización dun proxecto político, porque nel estaba referenciado. -Moitos alcaldes e deputados chegaron ao PSOE da man de Touriño... ¿quedan orfos? -O bo é que estableceu en torno ao seu proxecto moitas complicidades en torno ás bases do seu partido. Algúns dan saltos de alegría pola decisión, pero as bases e outros cargos notan a súa ausencia. -Vostede traballou man a man co ex presidente en cuestións moi relevantes para Galicia, pero ¿que opinión lle merece a nivel persoal? -A nivel persoal e tamén político, Pérez Touriño foi a persoa máis comprometida con Galicia e máis honesta de todas cantas coñecín na miña xa dilatada vida política. Tamén moi xenerosa, a pesar de ser moi esixente. Só por traballar con el mereceu a pena estar en política. -Vostede é o deputado máis veterano da Cámara galega ¿como lembra os seus inicios? -Empecei de concelleiro en Cervo a principios dos 80 e desde 1986 son deputado. Desde entón e ata agora, e salvo un intervalo de nove meses no 1993, exercín de parlamentario. A nivel autonómico o autogoberno ten avanzado moito no ámbito competencial. Neste período o presuposto do Parlamento multiplicouse por tres. -Desde Santiago ¿como valora a crise aberta na agrupación socialista de Foz? -É unha das agrupacións máis senlleiras, viva e con debate interno. Vive unha situación de certo desasosego pero vano resolver coa madurez que os caracteriza.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios