«Moita xente ven buscar certificados da Seguridad Social para tramitar a xubilación»

A MARIÑA

Luiña clasificou o arquivo da Cofradía de Pescadores de Burela, que abrirá o venres

24 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A licenciada en Documentación Alexia Luíña inventariou, identificou e clasificou durante os últimos anos a documentación que manexaba a Cofradía de Pescadores de Burela, que este venres, ás 13.00 horas, inaugurará o seu arquivo histórico. A partir desa data o público poderá consultar estatutos, regulamentos, correspondencia, libros de vendas, libros contables... Os fondos máis antigos que pasaron polas súas mans datan do 1923, ano da fundación do pósito.

-A confraría xa existía como tal antes, pero foi o 18 de novembro do 1923 cando se fundou de maneira oficial.

-Dos documentos que manexou desde novembro do 2008 ¿cales son os máis antigos?

-A confraría ten actas desde a súa constitución, aínda que meses antes da fundación oficial xa tiñan redactado un documento que regulaba o funcionamento do pósito.

-¿Cal foi a primeira sede da confraría?

-Ao principio non tiña edificio e reuníanse na casa do mestre Camilo Fernández, que foi o impulsor do pósito e fixo as veces de inspector local. Co paso do tempo temos constancia de que se arrendou un local na casa de Remedios, no que hoxe é o Bar Miramar. Daquela hai dous contratos. A continuación estivo enfronte, nun espazo no que agora aparcan coches e despois, pasou ao edificio actual de Cruz Roxa. Desde o 80 a sede da confraría está nas dependencias actuais.

-¿Como encontrou a documentación cando foi contratada?

-Estaba todo desordenado. Ademais falta bastante documentación polos continuos traslados de sede; parece que nos cambios se tiraron moitos documentos. Hai actas desde o principio e tamén sabemos do primeiro regulamento, que manexaba o finado Ricardo Pena.

-Entre a documentación ¿atopou algo que lle chamara a atención?

-Lendo as actas hai cousas curiosas. O primeiro libro de actas é o que máis información aporta sobre a confraría.

-O arquivo permitiralle a moitos profesionais do mar ter a man documentación...

-Xa ven moita xente en busca de documentos. A maioría veñen por certificados de cotización á Seguridad Social que necesitan para os trámites da xubilación. Dous profesores tamén nos pediron información sobre os nomes dos barcos, e tamén me teñen preguntado polo número de embarcacións que había nos inicios do pósito. Hai fichas dos barcos, pero non sabemos cantos barcos había.

-¿Teñen dixitalizado todos os fondos?

-Non, só as actas.

-Ademais de documentos escritos tamén pretenden facerse cunha colección de fotografías e con outra de gravacións de testemuños orais...

-Desta última de momento só temos o testemuño do que foi ata hai uns tres anos o secretario, Ramón Barcia. El conta a súa experiencia, que é moi interesante porque traballou na confraría desde os 16 anos. Coa súa gravación elaborei os paneis da exposición. Creo que é unha maneira de animar á xente e de que os mariñeiros, armadores... a xente do mar en definitiva, se anime a contar a súa experiencia.