«Ao promocionar produtos como o berberecho tamén divulgamos a gastronomía e o turismo»

A MARIÑA

16 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Deputación Provincial de Lugo colabora na promoción da Festa do berberecho a través do Instituto de Desenvolmento Económico e Social (Inludes). A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, acudirá hoxe a mediodía á vila de Foz xunto ao presidente da institución para participar nesta festa.

-¿Como colaboran desde a Deputación con esta festa?

-Ademais de dala a coñecer fóra do ámbito da Mariña, tamén colaboramos economicamente na celebración. Ao divulgar produtos como o berberecho tamén promocionamos a gastronomía dos lugares, un aliciente máis para aumentar o turismo. O desenvolvemento do sector turístico axuda a crear emprego e potencia os investimentos. -Desde a Deputación apostan por lograr a certificación ISO 14001 para as praias ... -A próxima semana comezarán as visitas dos técnicos a distintas praias da Mariña. Sabemos que as bandeiras azuis son un distintivo importante, pero cremos que o público é cada vez máis esixente e reclama máis servizos. Dos oito concellos mariñáns con praias só cinco se adheriron a este proxecto. Cervo, Xove e Barreiros rexeitaron participar. Somos conscientes da situación económica e da situación na que se atopan as arcas municipais, será necesario un investimento, pero o investimento terá beneficios e será unha fonte de ingresos. Non se poden presentar todas as praias á vez, polo que comezaremos polas urbanas e semiurbanas, por ser as máis demandadas e as que están suxeitas a un maior impacto. Na primeira tanda tamén incluiremos As Catedrais, por ser un referente. -¿Que pasará con eses tres concellos? -Nós seguirémolo intentando. Entre os outros cinco hai alcaldes de distintos partidos, polo que pensamos que non é unha cuestión de cor política. -¿Que resultados dá o proxecto Km 0 na comarca? -Está resultando todo un éxito na provincia. Durante o 2009 11.000 persoas visitaron a provincia e a nosa comarca foi a máis demandada. É un proxecto de promoción medioambiental e turístico da provincia. -¿Como promoven os produtos autóctonos da zona? -Para este exercicio destinaremos 25.000 euros a promocionar produtos da comarca, como o berberecho, a merluza, o bonito ... Ademais en toda a provincia desenvolvemos a campaña Lugo Sabe , con distintos lotes de productos.