Un home cunha orquestra ás costas

Miguel Albo

A MARIÑA

Hortensio Gómez é un gran afeccionado á música e devece polo espectáculo de home-orquestra, polo ritmo e porque lle permite tocar con varias partes do corpo

06 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A vida de Hortensio Gómez (A Fonsagrada, 1948) xira en torno á música. «Sempre me gustou moito, é algo que levo no sangue desde pequeno e que me deu e aínda me dá moitas satisfaccións», explica. Este viveirense de adopción -«levo 33 anos vivindo aquí»- é un dos poucos homes-orquestra que hai en Galicia, xente capaz de tocar máis de cinco instrumentos a un tempo. «Só sei doutro máis, un rapaz de Vigo que coñecín o ano pasado no San Froilán».

O caso de Hortensio é moi peculiar, xa que non só ten instrumentos no seu espectáculo, senón que tamén incorpora un carro e unha bicicleta. «Sempre tiven unha afección pola música innata. De pequeno facía baterías coas cazolas e tixolas de miña nai e logo tiven a sorte de ir ao Colexio Menor, en Lugo, onde había unha rondalla. Desde aquela sempre estiven metido na música e certo día deume por xuntar varios instrumentos e compoñer unha canción. É moi rítmico, moito máis dinámico e éncheme máis, porque participo máis fisicamente, tocando con mans e pernas, e escoito o acordeón, a harmónica, o bombo, os platillos... Dame a sensación de que somos varios a tocar. Aínda que tamén me gusta tocar un solo, non gozo tanto».

Un pasatempo na xubilación

A súa primeira experiencia como home-orquestra foi «hai uns doce anos, cando fixera un número para o Luar. Despois abandoneino porque tiña que alugar un furgón para levar todo», sinala. Mais, desde hai un ano e medio volveu a retomar a idea con moita máis forza que naquela primeira experiencia. «Levo xubilado tres meses e agora teño máis tempo libre e isto sérveme de pasatempo». No espectáculo actual destaca o número sensiblemente superior de instrumentos que utiliza e o maior dinamismo. «Fun engadindo instrumentos ata os máis de vinte que teño, colocados nun carriño, ao que engadín unha bicicleta, que tira del e permíteme desprazarme por rúas e prazas».

A bicicleta, unha boa aliada

Precisamente, unha das causas da introducción deste medio locomotor é o interese de Hortensio por tocar en espacios onde poida interactuar coa xente. «A min o que me gustan son as rúas peatonais e as prazas, estar entre a xente e que a xente goce de min e eu da súa presenza. Os escenarios non me gustan porque estás aló arriba e hai moita separación. A bicicleta sérveme para tirar do carro, de soporte de instrumentos e como medio para moverme», argumenta. Asemade, abunda no feito da cercanía co público: «Nas prazas a xente párase a verme e dan voltas ao meu redor», sinala.

Afirma que o que máis lle gusta á xente é velo tocar e pregúntanse como pode atender a tantos instrumentos a un tempo. «Recoñezo que é unha cousa atípica, nin eu mesmo sei como din con el, pero son moi feliz facéndoo. É estraño que pase unha persoa e non se pare un anaquiño a mirar. Chama moito a atención».

A música como terapia

Hortensio explica que non segue un adestramento ou uns ensaios especiais para ser capaz de manter a poliritmia que caracteriza ás súas actuacións. «Non preciso dun adestramento, nin teño un horario fixo. Un día ensaio unha hora e outro media; fágoo cando me apetece e mo pide o corpo. Cando estou algo deprimido ou teño algún problema de ánimo toco e póñome ben, eufórico. Para min a música é unha terapia total, algo necesario para vivir. Se ma quitan creo que me viría abaixo», asegura.

De momento actuou en poucos lugares, pero agarda que ao ter máis tempo poda facelo máis. «Toquei nalgunhas prazas de Milladoiro (Ames) e Santiago, así como en Meira e na Fonsagrada. De momento estou comezando, pero agora que estou xubilado seguro que vou ter máis actuacións» agarda esperanzado.

Nas reunións con amigos nunca falta tampouco. «Cando facemos algunha comida chámanme para animala, porque tamén teño un número máis pequeno, con sete ou oito instrumentos», comenta, ao tempo que di que «o Naseiro tamén sería un bo sitio para ir de animador».

Incluso non descarta facer algunha actuación conxunta con César Freiría, o rapaz de Vigo que tamén fai de home-orquestra. «Hai pouco estivemos xuntos e improvisamos sobre a marcha unha actuación, facendo unha especie de regueifa musical. Creo que poderiamos tocar os dous á vez e incluso sería un número bonito e non está descartado que fagamos actuacións xuntos no verán».

No Nadal actuará en Viveiro

O próximo concerto de Hortensio será en Viveiro, convidado pola organización humanitaria Cáritas. «Dixéronme de tocar cando se achegue o Nadal na Praciña da Herba, para recaudar cartos para poder darlles xoguetes aos nenos que non teñen moitos medios económicos. Xa lles dixen que contaran comigo, porque me gusta facer gozar á xente da música e se de carambola podo axudar aos nenos, moito mellor», comenta.