Patrocinado porPatrocinado por

Mariñeiros toda a vida

PESCA Y MARISQUEO

No ecuador das festas do Carme Antonio Rey e os tres fillos reparan a rede na lonxa de Foz mentras falan da súa vida na pesca, na que están por vocación

19 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Sentado na cadeira, remendando a rede. Así atopamos a Antonio este venres, mentres en Foz a xente se espabilaba aínda dunha noite de festa. O seu non é estar parado, cando non amaña o aparello dos dous barcos da casa, achega os homes a Burela, onde descargan, ou vaise ata o banco ou a capitanía facer xestións. Sempre botando unha man ós tres fillos que se dedican tamén á pesca.

Ton naceu en Foz, nunha familia mariñeira onde eran sete irmáns, seis delas mulleres. Aos 15 anos comezou a traballar con seu pai, que tivera primeiro unha barquiña, A Sevilla , que logo cambiara pola Exploradora . Conta Antonio que cando casou con Raimunda, con 21 anos, aínda seguiu co pai un ano, ata que este se xubilou e puxo a lancha á venta. Daquela foise para outro barco que andaba a anchoa e estando alí coincidiu en Ondárroa con seu cuñado Germán, que andaba de patrón de cabotaxe en barcos que cargaban pino e cemento. E foi seu cuñado quen lle deu os argumentos que o convenceron para seguir adiante co barco do pai, cando lle dixo que naquela casa, onde foran sete fillos, nunca se pasara fame e lle preguntou si esa lanchiña non daría logo de comer para dous. E faloulle seu cuñado de que estaba farto de andar fóra da casa e de que si o vía ben se quedaban os dous coa Exploradora .

«Chamei á casa para dicirlle a meu pai si nos vendía a lancha. E sempre me acordarei do que me contou miña irmá Josefa á que lle dixo: 'Pensei que non tiña homes na familia'». Así relata Ton emocionado o momento, recordando que tiveran dous anos aquela lanchiña pola que seu pai non lles quixo ningún carto: «Só un quiñón, que lle seguimos dando cando tivemos os outros barcos», explica Ton. A etapa da Exploradora foi no 1962 e no 1965 fixeron o Santiago de Foz , nun asteleiro da localidade: «Daquela había cinco e agora non queda nada», lamenta. Así seguiron dez anos Ton e seu cuñado ata que venderon o barco para Punta Umbría (Huelva), encargando outro más grande, o Ruiz Rey , que saleu dos asteleiros de Pontedeume. Foi entón cando se incorpora á pesca o fillo maior, Ramón Jesús.

Si volvera a empezar

«Eu si volvera a empezar case seguro que sería mariñeiro outra vez», asegura Ton, satisfeito de haber podido «darlles traballo aos fillos nunha época mala, na que había moita droga, e eles estaban alí traballando (...) Os catros fillos, todos me saíron bos», di o pai desta saga mariñeira que si ben leva doce anos xubilado, aínda vai ó mar de cando en vez; o ano pasado tres ou catro meses, de motorista, no posto do fillo que tivo unha lesión e non atopaban a ninguén para sustituilo. O de coser nas redes e andar dun lado para o outro «lévase no sangue, estou contento de non estar sentado aí nun banco horas e horas».

Na actualidade teñen unha flota de dous cerqueiros, o Ollo do Mar e o Mirando o Mar . Levan dous ou tres anos tratando de aguantar a escaseza das capturas e, sobre todo, os baixos prezos do peixe: «Non hai prezo, subes os talleres, sube todo, pero o chicharro estase pagando a dous euros a caixa», sinalan.

En toda unha vida que leva o mar, non dubida Ton cando afirma que o momento máis malo que pasou foi cando se lle afogou un home, era de Foz, no Ruiz Rey . Tamén recorda cando no 86-87 perderon o barco ó encallar á altura de Luarca. «Mandaba eu o barco e andaban os fillos a bordo, naquel momento parece que o traballo de toda unha vida se acaba. Os fillos axudaron moito, xa estabamos daquela facendo o Ollo do Mar porque eramos catro traballando no mar e queriamos ter dous barcos e se afundiu sen ter o outro feito».

Tras a perda do barco a Ton veuno buscar un amigo para un barco que tiña en Avilés e foille tres meses; puxo como condición levar con el a xente súa, que estaba no paro, e que en canto llelo propuxo o seguiron, algo do que se sinte orgulloso.

No 88 saleu do asteleiro o Ollo do Mar e estreárono ó bonito. Ós dous anos aumentaron a flota co Nuevo Mirando al Mar , un barco de segunda mao que lle mercaron a Atilano Fernández e que despois de telo catro ou cinco anos, foi sustituido polo actual Mirando o Mar , que aí está en activo.