A exposición de Jesús Madriñán pretende involucrar ao espectador na propia fotografía a través dunha serie de ilusións ópticas que incorporan ao visitante a unha realidade onírica de personaxes que levitan o seu redor.
O artista Jesús Madriñán inaugura a súa instalación fotográfica nacida específicamente para a Zona «C», o espazo para artistas mozos impulsado pola Concellería de
Cultura e Centros Socioculturáis. A partir dunhas fotografías realizadas e concebidas para a propia sala, a exposición pretende xogar coa sorpresa do espectador a través dunha serie de ilusións ópticas que incorporan ao visitante a unha realidade onírica de personaxes que levitan o seu redor, perdidos na soidade dunha paisaxe
que se desmaterializa no branco da propia sala.
O proxecto, do que é comisaria Clara Rodríguez Cordeiro, é resultado do II Premio de Comisariado convocado en colaboración co Máster en Arte, Museoloxía e Crítica
Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela e nace co desexo de visibilizar a mirada do artista, transformando en obra de arte tanto o propio espazo expositivo como aos seus visitantes, habitantes existenciais tamén dun estético baleiro compartido.
En Branco
Dalgún xeito, toda visita a unha exposición supón unha pausa no tempo. Inmersos no seu branco homoxeneizador, na súa aparente neutralidade e limpeza, introducímosnos na Zona «C» a un universo de silencio e calma, un espazo que nos chama á observación e meditación.
En branco é un espazo habitado por cinco seres tan anónimos e perdidos coma nós mesmos nese mesmo intre. Cinco persoas que ocupan o noso mesmo baleiro existencial, pero que parecen completamente alleos a calquera outra presenza, inmersos nunha meditación constante con eles mesmos. Son fermosos protagonistas dunha historia na que estamos incluídos, pero aínda que parecen tan humanos coma nós mesmos, a súa quietude extrema e o silencio das súas accións tan cotiás pero quiméricas ao mesmo tempo, nos levan ata outra visión da realidade. E probablemente non sexa máis que un reflexo da nosa vivencia contemporánea, de esa suspensión vital permanente á que estamos sometidos, pero retratada cunha delicada atmosfera case máxica, ilusoria, lírica... e sen embargo allea - na súa quietude desencaixada, no silencio espectral dos seus, tal vez, desorientados e melancólicos, protagonistas - a calquera tipo de paz.
O xoven fotógrafo compostelano Jesús Madriñán fálanos de novo na súa obra da irremediable soidade do ser humano, pero nesta ocasión a Zona «C» non é un mero soporte: se a obra dun artista constitúe en ocasións un reflexo da súa particular mirada sobre o mundo, En Branco quere ser o espello que aglutine esa mirada; unha exposición que transforme o espazo en fotografía e a fotografía en espazo, permitindo así ao espectador introducirse nunha imaxe e habitala.
Isto é posible a través da técnica perspectiva coñecida como anamorfosis, as fotografías de Madriñán abandonan nesta exposición o seu soporte estático para fundirse - case tridimensionalmente - no noso espazo e así, mediante todo un xogo de realidades, o espectador deixará de ser un observador pasivo para ser responsable, coa súa mirada, de activar a serie de ilusións ópticas polas que os retratados gañarán primeiro corporalidade e presencia... para ir logo, co seu paseo, desvanecéndose en forma de deformacións fotográficas.
O artista
Esta preocupación existencial, esta nada silenciosa que nos inunda de melancolía, está perpetuamente presente no traballo do xoven artista compostelano Jesús Madriñán. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, Madriñán traballa en series fotográficas que xorden das súas propias vivencias e que habitualmente xiran en torno á súa preocupación pola soidade humana e a incapacidade para comunicarse dos mozos contemporáneos.
Fortemente influenciado pola atmosfera da pintura costumista decimonónica nos países nórdicos, transforma o cotián nas súas escenografías a través do protagonismo da luz, que envolve ás figuras cun halo de artificio e converte os espazos en verdadeiras paisaxes oníricas, metáforas da melancolía universal e eterna.
Como xurdidas dun soño onde a realidade que vivimos se abstrae, se deshumaniza e se despréga cara a horizontes descoñecidos, as súas máxicas fotografías preséntannos a uns personaxes ausentes, apagados pero belos, abandonados a unha estraña sensación de perda e falsa quietude
permanente. En posturas irreais, incómodas, ás veces levitando ou detidas en accións inquietantemente cotiás, os seus retratados convértense en manequíns habitados por unha humanidade artificial, inmersos nun estadio de soidade eterna e nun perpetuo silencio, aínda cando están acompañados. Abandonados sempre no interior do seu propio cubo branco... perdidos no seu baleiro vital.
Para máis información: www.jesusmadrinan.com
A exposición de Jesús Madriñán pretende involucrar ao espectador na propia fotografía a través dunha serie de ilusións ópticas que incorporan ao visitante a unha realidade onírica de personaxes que levitan o seu redor.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios